«O mellor destes vinte e dous anos foi ver converter o centro no que é hoxe»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Uxío Grande, director do instituto Laxeiro de Lalín, deixará a docencia activa o 30 de xuño, despois de 42 anos de actividade

25 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva máis de dúas décadas impartindo clase de lingua española no IES Laxeiro de Lalín, e dezaséis como director. Uxío Grande Sierra (Parderrubias, A Merca) coñece todos os recunchos dunhas instalacións que foron medrando co paso do tempo e polas que pasaron centos de alumnos. O 30 de xuño cesará na docencia activa por mor da súa xubilación, pero seguro botará de menos a actividade; aínda que frenética, dun centro que aglutina a máis de 600 alumnos.

-Cal foi o seu primeiro destino?

-O primeiro foi A Gudiña, despois Viana do Bolo, estiven en Vimianzo na Costa da Morte e despois dez anos no Ceip Vicente Arias de la Maza en Vilatuxe e agora vinte e dous no Instituto Laxeiro.

-Case sempre como director.

-Foron dezaséis anos de director. Houbo unha parentese entre o 2004 e 2009 en que non o fun. Ao ano seguinte de chegar ao Laxeiro dende o colexio de Vilatuxe xa me nomearon director.

-Como era o IES Laxeiro en aquel entón?

-Era un centro de Formación Profesional. Só había un terceiro da ESO e logo empezou 1º e 2º de Ensino Secundario Obrigatorio. Foi no curso 2000/2001 cando comezou o primeiro Bacharelato e os ciclos. Convivimos dous anos con todo, e no 2002 saiu a primeira promoción de Bacharelato do IES Laxeiro. Daquela eramos 40 profesores no centro e na actualidade somos 83.

-Nos vinte e dous anos que leva no centro, cal puido ser o maior logro acadado?

-O mellor penso que foi ver converter o centro no que é hoxe. Quen ía dicir, por exemplo, que traballamos con matrículas pechadas e que o IES Laxeiro é unha referencia en moitos eidos? Actualmente o noso centro é unha referencia na selectividade, cunha porcentaxe de aprobados moi elevada, con alumnos premiados... No eido informático estamos nun nivel extraordinario; as familias e todos os interesados puideron seguir a través da canle de youtube a retransmisión do acto de graduación dos alumnos do centro. Iso puido facerse grazas aos medios e ao traballo levado a cabo no instituto. Os intercambios funcionan moi ben, cunha participación extraordinaria... Contamos cun Viveiro de Empresas que xa ten cinco anos de vida nunha aposta firme polo emprendemento, realizouse unha gran ampliación de instalacións e déuselle un pulo moi importante ao edificio.

-É normal pedir melloras. Nese senso, que solicitaría?

-O certo é que xa non temos espazo para nada máis. Non hai para onde medrar máis. Penso que agora tocar manter o que hai, mellorar todo o que se poida e apostar sempre pola calidade do ensino. Creo que temos sorte cos pais e coas familias que manteñen unha excelente relación co centro, cos rapaces que pasaron e que están no instituto, co profesorado...

-O próximo 30 de xuño pecha unha etapa de docencia activa. Quen está previsto que o substitúa como director?

-José Manuel López está actualmente preparando a súa candidatura para ser o próximo director do instituto Laxeiro. É un cargo que xa coñece perfectamente. Foi director dous anos, e actualmente leva xa cinco ou seis anos traballando conmigo dentro do equipo directivo do centro.