O Galaico Brass Festival enche Merza de música e concertos

ANDREA OTERO / J. B. LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

O festival deu comezo o pasado domingo e ofrece cursos formativos e varias actuacións ata o 9 de xullo

06 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Galaico Brass Festival abriu as súas portas o pasado domingo en Merza. A idea do festival «nace un día tomando un café con Pablo, outro dos creadores», conta Yael Fiuza, un dos promotores da iniciativa. Está orientado á música de instrumentos de vento metal: trompeta, trompa, trombón, tuba e bombardino. A pesar disto, pretenden chegar a todos os músicos. Yael Fiuza afirma que «hai unha gran variedade musical, cun nexo común que é o vento metal».

Yael e Pablo levaban tempo con esta idea na cabeza, e este ano decidiron levala a cabo para darlle vida a Merza nun contexto pandémico. É un lugar, segundo afirma Yael, «cunha tradición musical brutal». A parroquia de Merza ten preto de 400 habitantes e a Banda Artística de Merza conta con case 100 persoas.

Esta actividade basease en dúas experiencias chave: un festival de música e un curso pedagóxico. Hai 80 alumnos activos e moitos oíntes. En total son máis de 100 alumnos que teñen clase todos os días. Algunhas das clases estanse ofrecendo nalgunhas casas que os veciños de Merza cederon para a actividade.

O pasado domingo actuou o grupo austríaco Mnozil Brass, bautizados por algúns como «os Monty Phyton do mundo musical». O alcume débese ao toque de humor das súas pezas e as actuacións de canto estilo cabaret. Asistiron 600 persoas xa que o aforo era limitado e as entradas vendéronse nun día. O luns, os austríacos ofreceron clase aos alumnos do festival, algo moi especial xa que non adoitan facelo nas súas viaxes musicais. «A parte que máis nos emociona é que os rapaces e rapazas da zona poidan coñecer aos seus ídolos e dar clase con eles», conta Yael.

Os alumnos reciben clases dos mellores músicos do panorama musical europeo. «Xa que ofrecen concertos aproveitamos para que dean clase e os rapaces e rapazas os coñezan», di. Os alumnos tamén disfrutan de concertos diarios de diferentes estilos musicais. Os participantes da actividade son de Galicia, do resto de España e de Portugal. «Hai moitos rapaces e rapazas de Andalucía, País Vasco, Salamanca ou Valencia», comenta Yael Fiuza.

Onte tivo lugar o concerto de Abraham Cupeiro acompañado da Banda de Merza. Hoxe celébrase no Mosteiro de Carboeiro ás 20.00 horas o concerto de Royal Concertgebouw Brass Quintet, un grupo que representa o clasicismo en toda a súa esencia. Tamén se celebrarán no CEIP de Merza dous concertos máis os días 7 e 8. O día 7 ás 22.30 horas o concerto da charanga de Zaragoza Artistas del Gremio e o día 8 ás 22.00 horas o concerto de Galaico Brass Ensemble, acompañado por profesores solistas. Por último, o día 9 ás 23.30 na Carixa actuará Miroslav Petkov Project & Bodurov Trio, un proxecto de música jazz mesturado con folclore búlgaro.