O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acolle esta fin de semana seis importantes competicións de beleza canina. Participarán máis de mil cans procedentes de catro países (España, Portugal, China e Estados Unidos). Os concursos de carácter nacional e internacional terán lugar ata o domingo e poderánse ver exemplares de case 150 razas diferentes. Esta competición está organizada pola Sociedade Canina Galega, a que conseguiu incrementar o seu éxito de participación dende o ano pasado (de 700 exemplares a máis de 1.000).
As probas serán de máximo nivel e nelas valoraráse a morfoloxía, os movementos e o carácter dos participantes que proceden de máis de 20 provincias diferentes de España, de Portugal, China e Estados Unidos. Os exemplares chineses e estadounidenses están a facer campaña en España con participación en distintos concursos. O concurso contará coa presenza de doce xuíces de España e Portugal que avaliarán aos cans participantes, os cales pertencen a preto de 150 razas distintas, superando tamén as 118 razas presentes na edición anterior. Unha vez máis haberá razas habituais, pero tamén outras moi descoñecidas.
En canto ás exposicións, mañá celébrase a quenda da Exposición Nacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA número 95. O domingo celébrase a convocatoria 96 deste mesmo concurso e tamén a Exposición Internacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA na súa 42 edición. Estas tres competicións, que celebraron as súas anteriores edicións o pasado mes de setembro no recinto silledense, son de máximo nivel e representan a categoría máis alta neste ámbito. O seu obxectivo é atopar aos exemplares que máis se asemellen aos estándares da Federación Cinológica Internacional e así recoñecer aos mellores cans para dedicalos á cría. Nas probas premiarase ao mellor can de cada raza en catro categorías. Nesta ocasión os asistentes poderán asistir mañá a tres monográficos con categoría nacional. Serán a IV Xuntanza do Mastín do Pirineo, a IV Monográfica B de Galicia do Teckel Club de España e o Concurso Monográfico do Bulldog Francés.