Pese a ser unha das investigadoras máis destacadas no seu ámbito, descubríu a súa paixón por casualidade
11 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Ofelia Rey Castelao (Arnois, 1956) é unha das investigadoras máis destacadas e prestixiosas no eido da Historia Moderna de Galicia. Dende 1978 é profesora na Universidade de Santiago de Compostela, obtendo a cátedra no ano 2002. Publicou dezaseis libros e máis de 250 artigos en revistas científicas, unha carreira investigadora que, entre outros méritos, permitiulle ser galardoada con premio María José Wonenburger polo goberno da Xunta de Galicia. E estes soamente son algúns dos moitos éxitos que conseguiu esta ilustre estradense. Cun currículo semellante, parece obvio que dende nena tivo un gusto especial por coñecer a nosa historia, pero nada máis lonxe da realidade. Unha casualidade foi a que embarcou a Ofelia cara este mundo, que acabou namorándoa dun xeito que nin podería imaxinar.
«Lendo a cartilla escola da Escola de Arnois, a única materia onde non teño sobresaínte é a de Historia, e no instituto tamén. Foi un descubrimento tardío», comenta Ofelia entre risas. A Historia chegáballe a través das lecturas da Segunda Guerra Mundial que engaiolaban ao seu pai. Pero a ela ese mundo «nunca me tirou moito», recoñece. Ata os nove anos estivo estudando nas escolas da súa aldea Balboa. Sen embargo, con nove anos emprendeu rumbo a Santiago de Compostela para estudar no instituto Rosalía de Castro tras pasar unha esixente proba de acceso.
«Naqueles tempos dende Balboa non había servizo de autobús para A Estrada, así que quedábame máis preto e factible tirar para Santiago. Había o famoso Castromil, pero como tiña poucas frecuencias, tiven que quedarme a vivir nunha pensión en Santiago», lembra. Cando o autobús non cadraba cos horarios do instituto, o chofer de Ofelia era nin máis nin menos que Manuel Reimóndez Portela, antigo alcalde da Estrada que a levaba aproveitando que traía á súa muller e ós seus fillos. «Era o meu transportista», afirma.
Co paso do tempo esa pouca querenza pola Historia seguía reafirmándose, incluso coa chegada da COU, onde escolleu outro camiño distinto. «Sacaba mellor nota ata nas matemáticas, daquela aínda non tiña nin a mínima intención de facela. De feito en COU escollín latín, grego e inglés en vez a Xeografía e Historia e Historia da Arte, non me gustaba nada», confesa.
Porén, todo cambiou cando tivo que matricularse nalgunha carreira para a Universidade. Un cambio no plan de estudos rachou cos plans de Ofelia, que acabou escollendo unha opción que nin ela mesma tiña en mente. «Cando rematamos o instituto o goberno franquista cambiou o plan de estudos e o curso en vez de empezar en outubro comezou en xaneiro. Entón eu pasei seis meses na aldea sen facer nada. Eu quería estudar filoloxía, pero non me gustaba o latín, e cando fun matricularme e vin que tiña latín todos os anos empecei a suar frío. Ademais, meu pai tiña que recollerme na Ponte Ulla porque alí deixábame o Castromil, e claro, non tiña moito tempo. Entón decidín facer Ciencias da Educación, pero cando lle preguntei o bedel onde quedaba, estaba tan lonxe que desistín e díxenlle: Cal é este edificio de aquí ao lado? Era a Facultade de Xeografía e Historia, e aquí quedei», lembra.
Unha vez na facultade todo mudou. Tanto é así que nada máis rematar a carreira, púxose a dar clase de Historia Moderna con 21 anos. «É unha sensación curiosa, desorientoume porque era moi noviña», recoñece.
No 1981 publicou o seu primeiro libro Aproximación Cultural a la historia rural de la comarca de la Ulla. Tres anos despois, defendeu a súa tese, El Voto de Santiago en la España Moderna, dirixida polo doutor Antonio Eiras, unha figura clave na súa carreira, sementando nela a paixón por coñecer tamén a historia da súa terra. «O profesor Eiras preguntábanos de onde eramos e logo púxonos a investigar a nosa zona». Un modelo de traballo pioneiro en Galicia que sirveu para descubrir «que é moi diversa, xa que non podes meter no mesmo saco as Rías Baixas e a Lugo. Incluso a nivel comarcal hai diferenzas salientables entra aldeas», asegura.
Na actualidade Ofelia Rey da clases de Cultura e Poder na Idade Moderna e de Historia Moderna de Galicia, traballando arreo nas súas achegas e artigos. «Agora mesmo estou escribindo un artigo sobre as mulleres comerciantes no último tramo do século XVIII, que comerciaban dende Santiago e A Coruña con América. Tamén estou a preparando un sobre a onomástica dos nenos expósitos en Galicia», enumera.
Ofelia aínda mantén intacta a súa paixón, asegurando que a investigación é un mundo moi atraínte e dinámico, «por iso hai xente que o fai de balde e ninguén se quere xubilar», comenta divertida.
O seu primeiro traballo foi nada máis rematar a carreira como profesora axudante de Historia Moderna no ano 1978.
Foi unha viaxe a Arxentina na época do «corralito». Foi unha dobre experiencia, tanto profesional como persoal, porque teño moita familia alí.