Alberto Lema: «A vontade foi facer historia do presente a través da ficción»
DEZA
O gañador do premio García Barros analiza a súa obra «Pazo de inverno»
24 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Alberto Lema Suárez (Vimianzo, 1975), foi o gañador da XXIII edición do premio Manuel García Barros de literatura galega coa súa obra Pazo de inverno. Unha novela que nos permite botar unha ollada e comprender a realidade dunha parte moi recente da nosa historia política e social, da que formou parte como membro da Marea Atlántica no Concello da Coruña. Una obra que naceu coa vontade de «facer historia do presenta a través da ficción», e que sairá a venda nas librarías o próximo outono.
-Pese a ser ficción, Pazo de inverno está ligado á unha etapa política que viviu de preto.
-Sí, o libro é bastante transparente en canto ao referente histórico que describe, que sería efectivamente a etapa entre 2014 e 2019 que se deu a coñecer cos nomes de cidades do cambio ou a nova política.
-Semella que pode ser doado facer algunhas correlacións entre personaxes e sucesos co que ocorreu na realidade. Pode supoñer que xere algunha polémica?
-A lectura en clave é inevitable, tampouco pretende camuflar os feitos. Si que penso que non será unha novela polémica, ou polo menos non dará lugar a unha lectura morbosa, xa que non existen intimidades e miudezas de cuestións persoais. É unha visión máis panorámicas de dúas forzas que se enfrontan e caracterizadas cos seus compoñentes. A novela ten certa vontade de balance, está escrita dende un tempo de derrota, é inevitable que o narrador, que son eu, o escriba dende este punto de vista, hai moitas cargas emocionais nese balance. De todos modos será doado saber quén é quén porque tampouco se pretende facer disto un secreto ou un axuste de contas. Eu intentei facer un exercicio o máis obxectivo posible, non me comprometín demasiado con ningún dos bandos aínda que é evidente que formaba parte dun deles.
-Un dos aspectos a destacar polo xurado foi que é das poucas obras de ficción en galego cunha temática política.
-Os feitos recentes tardan en chegar á ficción. O último período da vida política e económica do país ten moita reflexión e moita analítica no ensaio e outros soportes como as redes sociais, youtube, pero non había tanto unha ficcionalización, un rexistro novelado do que acontecía. É unha vontade, non só de facer historia desde a literatura, senón de impedir que eses feitos queden borrados, hai un traballo de memoria e recuperación. Faltaba ese punto de vista desde a novela, un xénero particular coas súas regras, fronte o que foi unha sobreprodución dende o ámbito dixital.
-Cómo definiría a súa obra?
- Hai unha tentativa de facer historia do presente do que fun testemuña. Tamén creo que é útil para facer un exercicio de comprensión, entender un momento moi confuso e complexo no que a escritura permite instruír ao lector e a min mesmo no que sucedeu.