«O fascismo nunca pode ser defendido»

andrea otero / r. r. LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel sotuo

Xabier Quiroga publicou a última parte da súa triloxía sobre a represión franquista en Galicia

28 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa súa última e recente publicación, O baile dos estorniños, o escritor Xabier Quiroga (O Saviñao, 1961) remata a triloxía sobre a represión franquista na Ribeira Sacra que completa O Cabo do Mundo (2009) e Izan o da saca (2015). Vinculado a Lalín dende fai moitos anos, a súa recente xubilación puxo fin a súa labor docente, gran parte dela como profesor de lingua e literatura galega no IES Laxeiro da localidade. O derradeiro curso o pasou xa en Lisboa, onde a súa muller deu clases.

-O baile dos estorniños pon fin a triloxía da Ribeira Sacra, foi difícil pechala?

-Moito. E digo isto polas horas empregadas e polo esforzo que supuxo completar e definir algúns aspectos. Abondará con dicir que chegou un momento en que me pareceu imposible superar as dificultades, e outros en que estiven a piques de abandonar e deixar aparcado canto dela tiña argallado durante anos.

-Como foi o proceso creativo?

-Ademais de arduo, tivo as súas particularidades. E non porque non dispuxera dun plan previo, senón porque houbo que conxugar unha historia do pasado cunha investigación do presente sobre esa mesma historia. De inicio planifiquei e escribín dúas novelas que poderían funcionar de xeito independente. Pero logo fusioneinas para ofrecer algo novidoso ou como queiramos chamalo. E foi nesa fusión onde me atranquei.

-A pesar de ser ficción ten a súa parte de realidade. Como se documenta?

-O proceso de documentación, no meu caso, móvese sempre a través de dúas vías: a escrita, cos libros publicados e a hemeroteca da que sempre convén desconfiar, e mais a aportación oral de persoas que viviron os feitos Neste caso necesitaba información do período no que se centra a parte histórica de O baile dos estorniños, que vai de 1935 a 1950, así que tiven que atopar persoas maiores que non puxesen reparos a rememorar ese duro pasado.

-Neste caso, como xurdiu a historia?

-Houbo dous empurróns básicos. O primeiro cando nun club de lectura unha asistente me preguntou: para cando unha novela longa? Eu xa tiña novelas extensas, pero ela falaba de longa de verdade. O segundo, unha historia que eu tiña na recámara relacionada coa miña familia, cun pazo, cunha aldea e cos tremendos sucesos que provocou a represión do ano 36. Digo represión porque na Galiza falar de guerra civil é algo que non procede ao non ter habido fronte bélica nin batallas en si. Aquí houbo morte, vinganza, odio e represión como case ninguén imaxina.

-Refléxase a vostede nalgún personaxe?

-Na novela aparece un escritor cunha vida e cunha problemática que podería ser a de calquera, ou ben achegarse á miña. Trátase de alguén que se procura e procura entender o seu presente partindo do pasado próximo. En fin, sen ser autobiográfica esta novela, algúns feitos nela contados e algúns personaxes

que nela aparecen amosan moito do ser e as vivencias de quen escribe. É algo que o creador, aínda que queira, non pode evitar.

-Queda moita historia oculta da época do franquismo que non saíu a luz?

-Moita, por suposto. Hai que ter en conta que a historia cóntana sempre os vencedores e só nos chega o que quixeron que nos chegase. Aí están os feitos que se tapan adrede, a documentación eliminada ou á que non dás accedido, as miserias dunha época e dunha circunstancia tan atroz que, non queda outra, hai que desvelar. O escritor que se basea na historia ten esa obriga, ou iso é o que me parece a min e por iso intento obrar así. Aínda facendo ficción non podo branquear o que foi negro ou moi vermello, e isto dígoo pola cor do sangue. O fascismo nunca pode ser defendido, e xustificar un golpe de estado e a un ditador é non entender a vida democrática e a liberdade.

-Bota de menos a docencia?

-Para nada. Entregueime durante ben anos a unha tarefa que para min era moi grata e me mantiña en contacto coa xuventude e algunhas ideas novas e frescas, pero considero que xa cumprín. Agora tócalle a outros, porque en todo hai que renovarse.

-Que era o que máis lle repetía aos seus alumnos?

-Iso dirano eles cando imitan ao profe. Digamos que só agardo que cantos pasasen polas miñas aulas aprendesen tanto como eu aprendín deles. Pero non falo da simple lección teórica, senón da forma de ser e de entregarse e de estar. A min tíñanme por esixente, así que se colleron de min que hai que selo, cos demais e cun mesmo. E tamén que, cando por fin sexan eles e elas mesmas, polo menos no noso país falen o idioma que saben que é o seu.

-Que autores e xéneros literarios son os seus favoritos?

-Máis ca nada leo, por esta orde, novela, poesía e libros autobiográficos relacionados co tema no que pretendo afondar. Luís Landero e Almudena Grandes, sendo tan contrarios, son dos meus preferidos.

-Como leva a xubilación?

-Perfectamente. E ademais tiven un ano de proba para decatarme do que me conviña. Pero

ese termo semella mal entendido ou pouco explicado, porque o que fas é deixar un traballo e, con xúbilo, implicarte noutro ou noutros no que non tés obriga nin horario, simplemente polo pracer de facelo e gozar.

-Despois de Lisboa, ten algún outro destino en carteira?

-Si, Casabranca, en Marrocos. Alí me instalarei dentro dun mes e procurarei catar e captar a esencia dun pobo tan diferente e próximo como descoñecido, descubrindo a súa historia, algunhas historias e mais un país e un continente tan sedutor como é África.

-Tomarase un descanso da escritura ou ten en mente xa algún novo proxecto?

-Xa escribín unha novela moito máis curta e menos elaborada. Pero como teño por norma deixar levedar os textos, refacelos moito e, se ao cabo non estou satisfeito co resultado, metelos no caixón, non sei ben en que dará.

-Algún pasatempo ó que agora lle pode dedicar máis tempo?

-Viaxar, sen dúbida. Cando xa non estás atado por un horario e un deber, podes gozar do que che permite seguir formándote e aprendendo, neste caso indo coñecer novas realidades e persoas. Así que, ademais de ler, escribir, facer deporte e intentar que os anos non te devoren ou che devoren a saúde, moverte sen un plan e rachar coa rutina pode ser

bo, ou cando menos unha boa experiencia.