Imaxinación e fantasía en «A Conxura» de Varela Puñal

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

As Insuas de Gres acolleron onte a presentación do libro

30 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou onte no acto de presentación do libro A Conxura, de Diana Varela Puñal, co que a autora se fixo coa quinta edición do Premio neira Vilas de Novela Curta. García felicitou a escritora e recordou nas fermosas Insuas de Gres a Neira Vilas que «hoxe estaría orgulloso das obras que integran, nestes cinco anos, a nómina dun dos galardóns que contribúen a manter viva a súa figura, sempre no ronsel da literatura que el mesmo produciu e que inspirou e que vertebran tamén o xa coñecido universo Balbino». No acto estiveron tamén, ademais da autora, o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; Rosalía Morlán e Juan Andrés Fernández, integrantes do Padroado da Fundación xunto co alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada e o concelleiro de Cultura, Julio López. O músico Rodrigo Ramos, foi o encargado de pechar a presentación coa interpretación de temas musicais sobre poemas de Neira Vilas.

A novela A Conxura, publicada por Edicións Embora, impúxose a un total de quince orixinais que foron avaliados por un xurado do que formaron parte Rosalía Morlán, Juan Andrés Fernández e o crítico Armando Requeixo.

Destacan o universo narrativo no que se move entre o imaxinativo e o fantástico cun relato «habitado por personaxes hipnóticos e fascinantes, con descricións luminosas e unha estrutura feita a base de anacos narrativos que, maila a súa certa autonomía, logran enfiar con solvencia o inicio e o final». Destacan dende a Fundación Neira Vilas que «a trama resólvese, ademais, dun xeito maxistral, unindo aquí os variados recursos literarios empregados a outros procedentes dos eidos da música ou do cinema». Coa novela, Varela Puñal súmase a nómina dos premiados.