Doade acolle un voluntariado arqueolóxico, ambiental e etnográfico

andrea otero / r. r. LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Conta con nove participantes que realizarán traballos ata o vindeiro día 12

03 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado domingo 1 de agosto deu comezo o campo de voluntariado arqueolóxico, ambiental e etnográfico Voluntariado en Verde. Realizaráse en Doade en colaboración do Museo Etnográfico Casa do Patrón ata o vindeiro 12 de agosto e hai un total de nove voluntarios de toda España.

Patricia Martínez é xerente de Eduvía, unha firma con experiencia na organización de campamentos. É monitora do voluntariado e narra que este proxecto susténtase no medioambiente, na arqueoloxía e na etnografía. A parte medioambiental consiste en «limpar e acondicionar a ruta que teñen no museo da Casa do Patrón», afirma. O Castro de Doade é o núcleo da parte arqueolóxica xa que «iremos alí para coñecer a historia do poboado castrexo». Para a parte etnográfica, os voluntarios aprenderán catalogación de pezas no museo.

Con este grupo de voluntarios traballan outros tres monitores que se encargan de guiar as actividades da tarde e da noite, xa que polas mañás realizan os traballos de voluntariado. Algunhas das actividades que realizarán nos vindeiros días son hípica, kayak, paseos nocturnos, visionado de estrelas, cestería, talleres de xogos tradicionais ou visitas guiadas pola zona do Deza.

Esta actividade, que realizou a súa pasada edición só con voluntarios galegos polo covid, volve retomar o seu nivel estatal. Os participantes pertencen a varias zonas de Galicia e España. Patricia Martínez relata que «hai persoas de Zaragoza, do País Vasco, de Zamora ou de Jaén», e tamén de zonas galegas como Vigo ou A Coruña. Nun comezo había un total de 12 prazas para persoas de entre 18 e 30 anos pero, segundo narra a xerente de Eduvía, houbo algunhas baixas «por positivos ou motivos persoais».

Unha actividade marcada pola biodiversidade, a historia e a tradición de Galicia

A parroquia de Doade conta con lugares nos que a biodiversidade e a ecoloxía son protagonistas. Patricia Martínez, de Eduvía, conta que os voluntarios están encantados co Deza e que «a xente que vén do sur está impresionada polo verde da zona, chea de árbores autóctonos». Os voluntarios tamén poderán gozar do río Asneiro, un río curto que se une ao río Deza e pasa pola zona de Doade. Patricia Martínez afirma que ten «moita biodiversidade e moi ben coidada».

As actividades realízanse en colaboración co Museo Etnográfico Casa do Patrón, onde se expoñen pezas recollidas de toda a xeografía galega para explicar a historia de Galicia dos últimos tres séculos. O Museo dispón de varias salas temáticas nas que se poden observar oficios ou espazos esquecidos.

Na Casa do Patrón tamén se levan a cabo iniciativas tradicionais como a malla, na que os voluntarios participarán. Lola Varela, da Casa do Patrón, conta que o 21 de agosto de todos os anos realizan a malla e que este ano «os voluntarios poderán participar na sega e na meda». Ademais, relata Lola que no museo tamén lle ensinarán «como funciona a catalogación das pezas, a súa limpeza e preparación». Tamén levarán a cabo traballos de sinalización da Ruta dos Muíños e da Ruta do Castro de Doade.