Anxo Baranga: «Máis que teatro, facemos performance e activismo»

andrea otero / R. G. LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

A agrupación teatral Furafollas ofrecerá hoxe en Lalín unha actuación

10 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A agrupación teatral Furafollas chega hoxe a Lalín cun espectáculo denominado Movendo os Marcos. A actuación será hoxe ás 20.00 horas no Café Casino de Lalín e participarán dous integrantes do grupo: o seu fundador, Anxo López Baranga, e Blanca Cotado. Furafollas xorde en 1997 en Barcelona por iniciativa de Anxo, natural de Córgomo, e outras persoas vencelladas ao teatro afeccionado e ao activismo cultural galego en Cataluña. Desenvolven as súas actividades en diversos xéneros, predominando as performance. A presentación desta montaxe foi o pasado venres en Escairón e hoxe será a segunda vez que a realizan.

-Qué é «Movendo os Marcos»?

-Son historias de onte, de hoxe, de aquí e de alá. Relatos tradicionais e da aldea personalizados por nós. En Furafollas dedicámonos a recuperar e contar historias para todos os públicos. Durante a obra tamén leremos algunha poesía de Xela Arias e algo breve de Florencio Delgado Gurriarán, que será o homenaxeado nas Letras Galegas do vindeiro ano e tamén é de Córgomo. Tamén falaremos dos medios de comunicación, queixarémonos da televisión, pero tamén lle faremos unha homenaxe.

-Cal é o fío condutor destas historias?

-Son diferentes historias nas que a unión está na memoria histórica dende os anos 50 e 60 ata a actualidade. Cousas que pasan agora e que conectan co que pasaba no pasado. Ao amosalo desta maneira podemos observar as conexións, e convén non esquecelas e darnos de conta de que hai que mover os marcos da nosa existencia.

-Como nace Furafollas?

-É un grupo mestizo, como lle chamamos nós. Un grupo teatral que nace en Barcelona pero está formado por galegos. Galegos nados en Galicia e fillos de galegos nados en Cataluña. Entón é un grupo que ten como linguas vehiculares o galego e o catalán. Sempre pretendemos xuntar as dúas terras e buscar os vínculos que hai entre os dous países.

-Como era o grupo nos seus inicios?

-Furafollas nace en colaboración coa universidade e coas clases de galego. O segundo ano xa quixemos crear o grupo de teatro e saímos a actuar á rúa, pero sen deixar de colaborar coa universidade e con todas as entidades. Máis que teatro, facemos performance e activismo.

-Por qué vos considerades activistas?

-En Furafollas falamos bastante da memoria histórica e sobre a represión franquista. Falamos tamén de Portugal e da Revolución dos Caraveis. Tocamos temas de Europa cun percorrido polas guerras, cun ton xocoso pero que amosa a realidade. Xogamos con moitos elementos como a lingua, a economía, a política ou a sociedade. A veces dende o punto de vista de emigrantes que somos. Dende a emigración catalana.

-Dende cando vives en Cataluña?

-Marchei en 1979, despois de facer mili. Fun para traballar e cambioume a vida completamente. Isto pasoulle a moitos galegos da época e aínda pasa hoxe en día. En Barcelona todo funciona doutra maneira, todo vai a outra velocidade. É distinto.

-Como está sendo a volta aos escenarios galegos?

-Fainos moitísima ilusión. En Escairón tivemos moi boa acollida e temos moitas ganas de actuar en Lalín porque nunca estivemos alí, só de paso. En Barcelona a pospandemia estanos indo bastante ben, non sei se porque a xente ten ganas de saír ou porque o facemos ben.