Cómplices noxentos do machismo

DEZA

RAFA QUINTANS

25 nov 2021 . Actualizado a las 08:29 h.

Ouso que se fai da linguaxe non é algo neutral, non é casual, porque existe unha estreita relación entre lingua e pensamento. De feito, pensamos como falamos e falamos como pensamos, non si? De aí a importancia que ten a escolla de termos e palabras cando nos comunicamos porque esta decisión que tomamos sen titubear non é fortuíta: coa nosa selección determinamos que cousas consideramos importantes.

Non. Quero determe nesta palabra tan contundente.

Cando dicimos non, negamos. Decidimos que esa opción ou visión do mundo ou dunha realidade non existe, non ten sentido ou simplemente pretendemos ocultala ou invisibilizala porque non interesa, porque non queremos focalizar nela a atención ou o noso sistema de crenzas, valores ou pensamento determina que non nos convén.

E hai moitos non. Moitas persoas que negan o cambio climático pese á clarividencia dos datos científicos. Tamén negan a covid e a eficacia das vacinas, a pesar de ter demostrado neste tempo que salvan vidas. Pero hoxe, que celebramos o 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, quérome centrar naqueles que negan as violencias machistas porque, ao igual que nos casos anteriores, neste hai tamén claras evidencias, números obxectivos, datos fríos, estudos científicos que amosan con rotundidade a súa existencia.

Si, señores negacionistas, as violencias machistas existen. Ou é que estas cifras arrepiantes, horribles, de mulleres asasinadas, pero tamén violadas, prostituídas, vexadas, agredidas, explotadas sexualmente, chantaxeadas, encerradas ou invisibilizadas polo mero feito de ser mulleres non son suficientes para evidencialo? Porque, para ser un invento, 1.118 mulleres foron asasinadas dende o 2003, 37 no que vai de ano, polas súas parellas e ex parellas. E, nestas xa de por si alarmantes cifras, non estamos a contabilizar a moitas que foron asasinadas por outros homes, nin a aquelas que padecen outras violencias como insultos, silencios, malleiras ou un longo etcétera de atrocidades ás que somos sometidas as mulleres por ser mulleres.

Así que, señores negacionistas, chamemos ás cousas polo seu nome. Hai que ser claras. A violencia machista ten unha definición propia, responde a unha realidade propia, a un problema histórico e estrutural, a unha cultura que veñen sufrindo e sofren as mulleres por parte dun sistema patriarcal e machista baseado nas relacións de dominación, desiguais e discriminatorias para as mulleres. E non, señores negacionistas, a violencia machista non é violencia intrafamiliar, interpersoal, doméstica ou como a queiran chamar para evitar culpabilizar ao machismo e conseguir así manter a lexitimación do statu quo de dominación masculina. Esas violencias das que vostedes falan son outras violencias, que tamén debemos condenar como facemos con todas as que existen no mundo. Sexamos claras e claros!

Negar que a violencia ten xénero é a máis clara evidencia do pensamento machista, que está a rabiar, que está a reaccionar para apuntalar ese edificio que levan séculos construíndo e está a caer grazas aos avances que o feminismo ten conseguido nas últimas décadas. Negar as violencias machistas é invisibilizar a súa existencia, é negar a orixe e as causas que a promoven, é perpetuar o patriarcado, é continuar impoñendo a súa axenda conservadora e seguir espallando a desigualdade en todos os ámbitos. Negar as violencias machistas e poñerlle un nome que desvirtúa o termo é tamén violencia, é negar os dereitos das mulleres, é estar a carón do maltratador.

Lamentablemente vivimos unha etapa convulsa. Os negacionistas da violencia machista escóitanse máis ca nunca porque teñen espazo nas institucións, no Congreso, nos parlamentos e mesmo gobernan en comunidades autónomas coa complicidade dos que lles deixaron chegar. E con eles, entrou nas institucións democráticas un discurso de odio, contra as mulleres, que está a ter un impacto terrible na sociedade: nas vítimas da violencia machista, que temen non ser cridas, énchense de vergoña, de culpabilidade e de medos; no propio consenso social e político que tiña permitido impulsar moitos avances no ámbito da igualdade; na xuventude, cun 20 % de mozos de entre 15 e 29 anos que xa consideran que a violencia de xénero non existe e é un invento ideolóxico; e nos maltratadores, cada vez máis empoderados, fortes e perigosos.

Ante esta situación non podemos permanecer cos brazos cruzados. Non podemos permitir nin un paso atrás. Loitemos, xuntas e xuntos, dende o feminismo, a filosofía máis fermosa, xusta e democrática que hai, cuxo principal obxectivo é lograr a igualdade entre mulleres e homes, para poñerlle fin a este movemento arcaico que está esnaquizando a nosa sociedade. Saiamos hoxe, 25 de novembro, ás rúas e berremos, unidas e unidos, alto, claro e máis forte que nunca contra as violencias machistas e contra os que as negan.