Benxamín Otero: «Ilustrei nunha peza musical a aurora boreal vermella do 38»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

DEZA

miguel souto

O estrano fenómeno, documentado científicamente polo astrónomo Aller, suscitou esta peza que se estreará o día 25

20 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A noite do 25 ao 26 de xaneiro do ano 1938, mentres o país estaba a vivir unha guerra civil, sucedeu un feito astronómico que causou fonda preocupación entre a veciñanza: unha aurora boreal vermella, que documentou científicamente o astrónomo lalinense Ramón María Aller; feito que inspirou un proxecto audiovisual que acuña o músico lalinense Benxamín Otero. A peza, «A aurora e Aller», financiada polo Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021-2022 presentarase o día 25 ás 20.30 horas no Museo Aller.

—Partimos dun fenómeno cando menos estrano.

—Si. Unha aurora boreal non é un feito que nos suceda aquí moi habitualmente, e se é vermella coma a do ano 1938 pois pasou a converterse en suceso aterrador. As testemuñas da época dicían que ardía o ceo, que era o fin do mundo... Ese punto irracional gústame. Lévanos ao medo e logo está a contrapartida que é a ciencia que nos da unha explicación, e vemos que como iso que podía ser aterrador se transforma en algo fermoso. Ese fenómeno foi documentado por don Ramón, e permítenos entendelo como algo normal.

—Como traduces este feito extraordinario?

—Con música. Eu son músico. Só sei facer música, e ilustrei nunha peza musical a aurora boreal vermella do 38. Unha peza musical que fixen no museo, na casa de Aller, o 3 de setembro aproveitando o final da exposición da Algarabía e o comezo da de Laxeiro para facer esta gravación; que me fixo a xente de No Majors, á que lle estou moi agradecido polo seu fantástico traballo. Son doce minutos de duración e unha explicación do que acabo de contar.

—Que buscas con esta peza?

—Presentar a miña música pero tamén propoño poñer en valor a figura de don Ramón, o espazo, a importancia da ciencia... Vivimos nun momento onde hai discursos nada científicos que calan na xente, que se aproveitan do medo.

—Que relación existe entre o músico Benxamín Otero e o astrónomo Ramón Aller?

—A miña vocación era científica (ri), pero a vida vaite levando... No bacharelato non pensei que ía ser músico, e mira... Considero que a ciencia no é fría e don Ramón soubo transmitila e divulgala.