Álex Guillán, líder de Baiuca: «Ten moito mérito que a nivel España un disco galego teña tanto recoñecemento»

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

Elisabet Encima

Despois de gañar dous galardóns nos Premios da Música Independiente, Baiuca actúa en Lalín o venres 13 nos Cocidos do Camiño

09 may 2022 . Actualizado a las 21:11 h.

Álex Guillán (Catoira, 1990) é un dos referentes do novo panorama musical galego grazas ao éxito do seu proxecto no que une a nosa tradición popular coa música electrónica, Baiuca. Un produto coidado e diferente que tivo a súa eclosión no 2018 co lanzamento do seu primeiro álbum, Solpor. Dende entón, e pese a pandemia, o seu éxito segue a aumentar achegando dun xeito natural a cultura galega por todo o mundo. En maio do 2021 publicou o segundo, Embruxo, no que redobra a súa aposta, conseguindo a aceptación non so do público, senón da crítica, sendo o segundo artista con máis nominacións nos Premios de Música Independiente 2022, no que logrou os galardóns á mellor gravación de música electrónica e ao mellor álbum en galego. O venres 13 actuará por primeira vez en Lalín cun concerto vencellado ao festival de música e gastronomía, Cocidos do Camiño.

Preséntase un verán cargado de traballo. Cómo están preparando a xira?

Temos unha xira ben preparada. Hai que mentalizarse que vai ser un ano moi potente, pero similar ao do ano pasado. O que cambia é que cada vez imos a concertos máis importantes e relevantes, pero estamos acostumados a facer quilómetros. Non hai que dicir que si a todo. Nun ano de disco tes a tentación de pillar todos os concertos que se poida, pero é o ano de facer festivais e o que xorde en Lalín entra dentro do que quería facer este ano. Vimos de facer xira por salas que tiña pendente, con datas súper especiais como as tres no Capitol en Santiago ou na Pelícano da Coruña. Nas salas temos a proximidade do público, pero iso pódese combinar, os festivais son importantes para que xente nova se enganche ao proxecto e de gañar público.

A pandemia chegou nun momento de despegue para vos. Mudou moito os seus plans?

Sempre que pasa algo así é unha oportunidade para abrir novos escenarios. Ía ter unha importante xira de tipo audiovisual con Adrián Canoura e decidín apostar polo formato banda. Ademais aproveitei para facer Embruxo. Era o momento de cambiar o chip.

Esperaba este éxito cando comezou co proxecto?

O que non esperaba o tipo de público que se enganchou e o formato que acabaría facendo, con músicos e en directo. Eu pensaba que ía ser un proxecto en electrónica modo nocturno e de club. Víame tocando as tres da mañá e ao final estamos tocando as once da noite. Tamén estou súper contento polos Premios de Música Independiente. Tivemos seis nominacións —o segundo artista con máis despois de Zahara— e fun a Pamplona cunha sensación de felicidade. Ademais fíxome especial ilusión porque gañamos dous premios que reflicten as dúas partes do proxecto. Ten moito mérito que nuns premios a nivel España, un disco en galego teña tanto recoñecemento. Sentín que estaba pasando un momento importante no que outros idiomas e culturas están a ter un papel máis relevante.

Nese senso, o voso papel está sendo fundamental para reivindicar o galego e a nosa cultura e aproximala á mocidade.

Chegeui á conclusión que cando estás nunha posición coma a miña, na que podes axudar a falar galego e a que conecten coa tradición, sentes responsabilidade, pero cando empecei non tiña en mente nada disto. O máis interesante é que a xente se interese pola nosa cultura dun xeito natural e real. Iso fai que as cousas muden e cambien, iso é o realmente bonito.

Facendo un paralelismo un pouco arriscado, a nova xeración do panorama musical galego está tomando o relevo do que ocorreu co Xabarín Club.

Xeracionalmente acabas atopando puntos similares. Escoitando a Ortiga ou Grande Amore coincido coas cousas que din, iso fai que conectes coa xente. Ao final para a nosa xeración o Xabarín quedou gravado. Cando te decatas é algo inconsciente, e neste caso a xente vai escoitando a nosa música e acabas transmitindo aos teus colegas e vai pasando de uns aos a outros ata que se converte en algo que gusta.

Cúmprese xusto un ano dende que saíu «Embruxo». Supoño que agora non haberá moito tempo, pero estase cociñando un novo álbum?

A verdade é que estou a tope no estudio. Apetéceme seguir creando material para publicar. Despois dun disco longo busco formatos máis pequenos. Temos un EP con varias colaboracións co que estou moi ilusionado, pero non sei cando estará rematado. Teño gañas de facer música e sigo sorprendéndome de que ano tras ano siga tendo ideas e gañas de facer boa música. É unha cousa que non tiña moi clara, se ía ter ese punto creativo, porque vexo que tamén lle pasa aos artistas máis importantes. Para min é importante que este proxecto teña uns piares que rexan por onde ir. Despois dun éxito como Embruxo non quero repetirme, o obxectivo é crear algo que nunca se vira.