«Vivimos unha eclosión do feminismo nas mulleres pero certo retroceso nos homes»
DEZA
Profesora e activista desde moza, Lola Varela recolle as súas reflexións no libro «Feminismo de proximidade»
11 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Lola Varela (Pontevedra, 1954) acaba de publicar o libro Feminismo de proximidade, unha obra que recompila unha selección de artigos, relatorios, investigacións e proxectos publicados pola autora afincada en Cerdedo en diversos medios e que teñen como fío condutor a muller e a súa condición. A proposta recolle feitos actuais, repasa aspectos históricos, reivindica accións positivas e fai visibles situacións. Máis que receitas para solucionar problemas son reflexións profundas con prosa fluída e apracible.
Lola sabe do que fala. Vinculada ao feminismo dende a universidade, foi unha das fundadoras da Asociación Universitaria para o Estudo do Problema da Muller (1976) e nunca deixou de organizar proxectos de coeducación, educación afectivo sexual e prevención da violencia de xénero.
Lola Varela, que é profesora de lingua e literatura castelá, culminou a súa carreira docente en Alhucemas (Marrocos). «Ao xubilarme faltoume o faro para espallar o feminismo —as aulas, os claustros...— e decidín empezar a espallalo escribindo. Acababa ademais de chegar de Marrocos de pechar unha etapa moi bonita e diagnosticáronme un cancro de mama que foi collido a tempo, pero escribir tamén me axudou moito como terapia durante eses meses de tratamento e recuperación. Agora tiña xa un volume suficiente de artigos e as miñas amizades recomendáronme publicar un libro», explica Lola sobre a xénese da obra, que se presenta este venres en Pontevedra e se pode mercar en librarías de Compostela e Pontevedra ou nas páxinas web encompanha.gal ou librariaabrente.es.
Lola Varela explica que «feminismo de proximidade» fai referencia a que «non se trata de textos teóricos, filosóficos nin froito dunha investigación sesuda» senón «reflexións que parten do activismo social e da vida diaria, do cotiá que me rodea».
A autora cre que o 8-M representou unha inflexión. «Foi unha eclosión da conquista dos dereitos que se nota moito na participación de mulleres novas, pero pola contra vexo certo retroceso no feminismo dos homes. Á par que as mulleres conquistan dereitos, os homes maioritariamente senten que perden privilexios, aínda que non sexa real, porque co feminismo gañamos todos», explica.
No libro abórdanse aspectos tan diversos como o androcentrismo arquitectónico, a represión franquista nas mulleres de Terra de Montes ou as eivas das mulleres no Rif. «Aínda que non se pense, o feminismo existe en Marrocos», di Varela.