A actriz estradense participa na serie da TVG producida por Voz Audiovisual, «Saudade de ti»
08 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A ficción galega de moda chámase Saudade de ti. Esta nova produción de Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia, chea de romances, intrigas familiares, traizóns e mesmo comedia, ten protagonismo estradense. A actriz local, Cristina Andrade, dálle vida a Elba, irmá de Uxía, quen falece nun tráxico accidente de tráfico co que se desatan as tramas desta telenovela. Aos seus 27 anos xa é unha cara recoñecible do noso audiovisual, contando cun envexable currículo e a sensación de que a súa carreira non fai máis que medrar.
Despois de tres meses de intensa rodaxe, Cristina non pode esconder o seu cansazo. Horas e horas de gravación para unha serie de 60 episodios con enredos que se entrecruzan. Porén, pola ledicia que desprende ao contar as súas vivencias na serie, abofé compensou todo o esforzo invertido.
—Falase desta serie como a primeira telenovela turca en galego.
—É certo que ten moitos elementos das telenovelas turcas. A interpretación é bastante intensa, temos clichés de personaxes como os bos e os malos, humildes e ricos... Hai comedia, drama, de todo.
—E vostede interpreta a Elba Eiroa. Cómo é?
—Ten a miña idade máis ou menos. É unha personaxe moi pura e nobre, está ensombrecida pola súa irmá. Morre Uxía e ela ocupa o seu lugar, compárana todo o tempo con ela e mesmo ocupa o seu espazo físico porque pasa a traballar no bar Eiroa. A súa función é apoiar a todo o mundo, que a súa familia saia a flote. A pobre é unha sufridora, co tempo vai adquirindo as súas propias tramas co pai, a nai, o bar non vai ben... É un drama ao principio pero pouco a pouco vai collendo o ritmo e mesmo hai cabida ao amor, está receptiva (ri).
—Cómo foi o proceso de gravación. Tendo tantos capítulos supoño que foi moi intenso.
—Gravei outras series, pero eran semanais, o ritmo non é o mesmo. Nunha diaria muda por completo. Nestes tres meses tiven moi pouco tempo libre, dedicábame a estudar e gravar. Hai moitísimo texto, moitas tramas, moitos días. Comezámola en abril e rematámola hoxe (por onte). A xornada podía ser de mañá, de tarde, ou dobre. O máximo era chegar ás 6.30 da mañá e saír ás 16.00 horas. E non é chegar e gravar, antes temos que pasar por maquillaxe e outros procesos, houbo días que entrei ás tres da tarde e chegaba á Estrada á unha.
—E iso sen contar o traballo de estudo.
—Nesta serie pasas as 24 horas, porque se non estás gravando estás estudando. Sempre digo que me pagan polo que non considero traballar, para min o máis difícil é o estudo. Podería gravar durante horas, pero estudar... De todos os xeitos o cerebro é un músculo, co tempo o que custaba vinte minutos agora custa dez.
—Nunca chegou á casa coa mente posta en Elba? É difícil disociar a personaxe da realidade?
—Neste proxecto involucreime moito e ata sacaba a Elba á rúa para imaxinala en diferentes situacións, pero tanto como custarme separar non. É certo que hai momentos nos que é difícil. Por exemplo, tras gravar escenas moi intensas é complicado dicir: “agora voume á casa, xa son Cristina e todo isto que acabo de descargar, quédase aquí”.
—Gústalle verse na pantalla?
—Aos actores non nos gusta vernos porque non o desfrutas de todo. Ves os teus erros, pensas que farías as cousas doutro xeito... Pero recoñezo que estoume metendo máis como espectadora, é algo que non me pasara nunca. Aínda onte enfadeime e dicía “qué mala estou sendo co meu pai”, aí cústame disociar (ri).
—Iso é bo, imaxino.
—Supoño que si, teño moi presente a Elba.
—Das personaxes que interpretou, é a súa favorita?
—Eu creo que ata o momento é á que máis cariño lle collín. Vivín moito tempo con ela e ademais paréceme moi bonita. É nobre, axuda a todo o mundo, e moi xenerosa, moi linda...
—Perfecta, vamos. Ten algún defecto?
—Algún ten si (ri). Aínda que eu non o chamaría defecto. É moi cotilla, xunto coa súa nai son as cotillas do pobo.
«Actuar nunca foi o meu soño. O que sempre me gustou foi o canto»
Cristina nunca quixo actuar, polo menos non foi a súa primeira opción. O que lle gustaba era cantar. Sen embargo, co tempo descubriu un talento oculto que lle permitiu traballar en series como Malo Será!, Os Mariachi, a propia Saudade de ti, ou a webserie gañadora do Mestre Mateo, Xan.
—Canto tempo leva dedicándose á interpretación de xeito profesional?
—Dende que acabei a carreira. Remateina no 2018 e o día antes da graduación gravei o meu primeiro capítulo de Malo Será!, na que traballei tres temporadas, logo dúas cos Mariachi e agora esta. Despois funme a Lisboa de Erasmus e fixen algunhas curtas e webseries.
—Apenas parou de traballar.
—Tiven sorte pero na pandemia e nos meses posteriores houbo un parón. Influíunos a todos porque para facer producións fan falta cartos e a xente quería ir moi ao seguro.
—Sempre quixo ser actriz?
—Non te vou enganar nunca foi o meu sono, o que sempre me gustou foi o canto. Levo cantando toda a vida e me encantaba. Quería facer algo relacionado pero de canto non había nada especializado se non ías ao conservatorio, por iso marchei a Santiago a facer o bacharelato de artes escénicas no IES Antón Fraguas. Logo comecei a facer teatro na Estrada e flipoume. Despois fun a Vigo para estudar arte dramático na especialidade de interpretación na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
—Non sei se xa lle recoñecen pola rúa.
—Tenme pasado. Empezou a pasar con Malo Será!, pero na Estrada non son moi obxectivos (ri). De todos os xeitos en Santiago téñenme parado e á verdade quedeime abraiada.