
«As horas dunha illa remota» foi a obra que presentou
18 jul 2022 . Actualizado a las 20:32 h.Ignacio Vidal Portabales gañou o XXXIV Premio Manuel García Barros —ao que se presentaron outras 32 obras orixinais— pola súa nova obra As horas dunha illa remota e que suma ao prestixio a unha compensación de 9.000 euros e a publicación da novela. O autor afirma sobre o galardón que «recibir este premio éncheme de ledicia, non só pola lonxevidade da certame e o prestixio que outorga senón tamén por compartir palmarés cos que gañaron antes ca min».
A obra premiada nesa edición, convocada polo Concello da Estrada coa colaboración da editorial Galaxia, foi escollida onte por un xurado formado por cinco profesionais do ámbito cultural galego, que coincidiron na calidade da prosa e a mestría á hora de elaborar os diálogos que «convidan a pensar e repensar».
Armando Requeixo —escritor, crítico literario e membro da Asociación de Escritoras e Escritores da Lingua Galega— xustificou a súa elección «no coidado da caracterización das irmás protagonistas, que cunha figura paterna chea de luces e sombras que viven unha infancia difícil en Colombia que proxectan o seu ronsel no presente adulto de ambas na súa Galicia de orixe».
O gañador, Ignacio Vidal, é doutor e profesor santiagués, titular de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e ten publicados catro ensaios de temática xurídica, pero non é ata o ano 2012 cando decide empezar a compaxinar o seu traballo como profesor coa escritura de novela: «Creo que o de escribir venme da casa. Meu pai escribía poesía e sempre comentaba os libros en alto e meu irmán era un gran lector, o que me fixo sempre estar rodeado de ese ambiente creativo».
Actualmente conta con cinco obras literarias, entre elas O inspector e máis eu do 2016, onde o autor explora a identidade dunha muller moderna e as contradicións que o amor lle presenta. Tamén escribiu Sangue no Dron en 2022, un relato distópico no que o protagonista, xunto aos seus amigos, deberá poñer en práctica todos os seus coñecementos para gañar unha competición de drons onde non todo é o que parece ser.
Das catro obras publicadas xa conta con dous premiadas; Dióxenes en Dolorida, a primeira, unha obra de amor e comedia con un protagonista máis que singular, que recibiu o premio Blanco Amor no 2012; e Lara e Sabela, unha historia de amor entre mulleres tinguido de ilegalidade e pintura, que levou o vixésimo sexto Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta no 2019.
Vidal culmina co galardón desta última novela, onde falará da conmovedora infancia de dúas irmás de Colombia e o cambio que un testamento dará ás súas vidas. A entrega do premio e a presentación da novela será a finais de outono no Teatro Principal da Estrada nun acto que será público despois das restriccións de anos anteriores pola pandemia. Ao preguntarlle pola súa seguinte obra o autor recela: «Estou empezando algunha cousa pero teño o clásico pudor de falar de algo que aínda non está acabado».