Usuarios e monitores de Aspadeza recibiron onte nas instalacións do centro ocupacional de Mouriscade ao grupo de voluntariado europeo que forma parte do programa Xacobeando que se atopa en Lalín este verán. De 11.30 horas a 13.30 horas, os voluntarios levaron a cabo diferentes actividades.
Ao longo da mañá os integrantes do grupo de voluntariado, levaron a cabo unha pequena exposición sobre costumes culturais de cada un dos seus países de orixe, que comprende Estonia, Lituania, Grecia, Portugal, Eslovaquia e España.
Cada un dos integrantes encargouse de elaborar unha presentación distinta sobre un costume ou elemento cultural do seu país. Algúns ensinaron aos usuarios de Aspadeza como elaborar un prato típico do seu país mentres que outros ensinaron un baile tradicional.
Ángeles Baldonedo, a responsable do centro ocupacional de Aspadeza, agradeceu onte a participación e recoñece o beneficioso resultado de actividades culturais de esta índole.
Os seis voluntarios teñen idades comprendidas entre os 18 e 30 anos. O pasado día 6 de xullo foron recibidos no Concello de Lalín polo goberno local e estarán ata o 31 de agosto. Durante a súa estadía traballan en accións de promoción e coidado da Vía da Prata aproveitando para realizar diferentes actividades.