Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O poeta noiés Manuel López acada o Avelina Valladares por segundo ano consecutivo

Rocío García Martínez
Rocío García A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

O xurado escolleu a obra entre as 38 presentadas «pola súa orixinalidade»

10 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O xurado da vixésimo sexta edición do premio de poesía Avelina Valladares vén de galardoar ao escritor noiés Manuel López Rodríguez polo seu poemario O cemiterio. A néboa, presentado baixo o lema Martirio.

O poeta xa fora proclamado gañador do certame na edición do ano pasado coa obra Para que non se me esqueza. Desta volta, a obra do noiés volveu a ser elixida por unanimidade entre os 38 traballos presentados.

O xurado estivo integrado por Rosalía Morlán, Dolores Carbajal, Sindo Villamayor, Esteban Folgar e Dolores Araújo, esta última actuando como secretaria. Folgar interviu en nome do xurado e xustificou a elección da obra premiada pola súa orixinalidade, xa que «o poemario está dividido en tres partes e a súa parte principal está feita polo sistema de ‘escolle a túa propia aventura’, na que os poemas permítenlle ao lector escoller o camiño que quere seguir». O traballo, ambientado nun cemiterio, lembra figuras ilustres que xa morreron, «dirixíndose con frecuencia ao receptor e empregando figuras metapoéticas», engadiu Folgar.

O premio está dotado con 2.000 euros e inclúe a publicación da obra por Edicións Fervenza. O galardón entregarase a finais de outubro nun acto público no Teatro Principal, coincidindo coa Festa da Poesía.

«Para min a poesía é unha teima obsesiva, pero máis cá mensaxe interésame experimentar coa forma e a técnica»

Algo debe estar facendo ben o poeta noiés Manuel López Rodríguez porque non só acaba de acadar o premio Avelina Valladares por segundo ano consecutivo, senón que nos últimos tres anos ten conquerido catorce premios e accésits en distintos concursos.

—Poderíase dicir que está en racha, ¿tradúcese en lectores ese éxito nos concursos?

—A verdade é que estou sorprendido. Non sempre foi así. Tiven antes o respaldo dos lectores que o dos concursos. Esa parte do xogo xa a tiña gañada. Nos últimos anos doume por presentarme a concursos e sorpendeume empezar a gañar aquí e alá. Estou moi contento, pero tamén son consciente de que o que gusta hoxe non vai gustar mañá. Supoño que o que fago agora encaixa nunha tendencia.

—Con tanto premio, ¿empeza a dar para comer a poesía?

—Nin de lonxe. Nin tampouco o pretendo. Eu teño outro traballo que é o que me da de comer, aínda que me considero escritor. Escribo seis días á semana cinco horas cada día. ¿Por que lle dedico tantas horas se non me da de comer? Considéroo un oficio e case unha teima obsesiva. Tento atopar o poema perfecto. A min non me interesa tanto a mensaxe senón experimentar coa forma e a técnica. Para expresar contidos non precisamos da literatura. Eu tento atopar o poema perfecto. Téñome levantado nunha noite que chovía a chuzos ás catro da mañá e ir ao local onde teño o ordenador para traballar nun texto previo porque non era capaz de durmir.

—¿Algunha obra nova no prelo?

—Varias. En setembro Xerais publicará Baixo terra. No ar e en outubro sae un libro de poesía infantil, A flor da letra. A principios de ano sairá Neste mesmo intre e tamén están no prelo Breve peza dramática para figurantes Z, CL, Cruz(eiro) e Onde nace.

—¿Aventúrase con outros xéneros?

—Son poeta desde os 16 anos. Teño profesión nesto. A poesía dáseme ben porque levo moitos anos nela e fun aprendendo. Non descarto outras cousas, pero prefiro atacar aquelo que domino. Dedícome profesionalmente á poesía aínda que non se poida vivir dela, polo menos eu.

—¿Como ve o futuro da poesía?

—O futuro escollerémolo os que a escribimos, os que a lemos e o compendio de críticos. Gustaríame que fose diversa e experimental e que primase a forma por riba da mensaxe.