A Biblioteca da Estrada participa por primeira vez no programa «Ler conta moito»
DEZA
A Biblioteca Municipal da Estrada contará este ano con tres actividades de dinamización da lectura encadradas dentro do programa Ler conta moito, promovido pola Xunta en colaboración co Concello. Será o primeiro ano no que participe neste programa que permite ás bibliotecas públicas acceder a un amplo catálogo de libros.
Por iso, a Casa das Letras contará con tres actividades ao longo do ano. A primeira será a visita de Paula Regueiro, integrante do grupo teatral Trémola, co seu espectáculo Leo e as cores, dirixido a nenos e nenas de entre cero e tres anos. Será o sábado 20 ás 11.30 horas. A segunda actividade está programada para o sábado 17 de xuño, na mesma hora. Trátase de A máquina do tempo, da compañía Ghazafellos, destinado a nenos de entre cinco e once anos.
A terceira iniciativa terá lugar á volta das vacacións de verán. Será o obradoiro creativo Debuxando un conto, a cargo da autora e ilustradora Estefanía Padullés, que visitará a biblioteca o 23 de setembro.
As actividades son de balde, mais será necesario adquirir antes as entradas. O aforo será reducido para que os espectáculos se desenvolvan con comodidade. As entradas xa se poden conseguir na Casa das Letras de luns a venres de 9.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.30 e os sábados de 10.00 a 13.00 horas.