Un 70 % dos propietarios secundaron o sistema experimental de concentración de terras a través de permutas do GDR
17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O proxecto de ordenación territorial da terra a través dun sistema de permutas que o Grupo de Desenvolvemento (GDR) de Pontevedra Norte quere poñer en marcha na aldea estradense de Cabanelas, na parroquia de Liripio, tivo unha acollida por parte dos veciños e propietarios que superou as expectativas dos organizadores. Nunha reunión mantida esta fin de semana no local social, un 70 % das persoas propietarias dos terreos afectados manifestaron o seu interese en participar neste proxecto. Un anuncio positivo, pero que obriga a buscar nova financiación para podela levar a cabo.
O xerente do GDR, Ramiro Ruibal, explicou que a dimensión é maior da prevista, motivando a busca de novos fondos para levala a cabo, porén, gábase da boa resposta dos propietarios para esta iniciativa novidosa que tamén están poñendo en práctica en Ordes e Lugo. Trátase dunha reagrupación de terras que afectaría a unha superficie total de 413 hectáreas compostas por 2.500 parcelas. As reunións manteranse durante as próximas semanas co obxectivo de atopar unha solución óptima para levar a cabo o proxecto.
Información
Por outra parte, a Asociación de Veciños de Cabanelas promoverá actividades nos próximos meses para informar deste proxecto. Así, buscan concienciar ás persoas para animalas a formar parte da reagrupación de terras. E anunciaron a creación dunha exposición fotográfica para poñer en valor o patrimonio do lugar.