Unha xornada ateigada de música para conmemorar as Letras Galegas

David Cofán Mazás
david cofán A ESTRADA, LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

O escritor e narrador lalinense Celso Sanmartín dará o pregón na Estrada

17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Día das Letras Galegas conta con numerosas actividades e actos nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. A meirande parte dos concellos programaron eventos para conmemorar esta xornada dedicada a Francisco Fernández Del Riego e, en definitiva, á defensa e posta en valor da nosa lingua.

a estrada

Pregón e ofrenda. O escritor e narrador oral lalinense Celso Sanmartín será o encargado de ler o tradicional pregón das Letras a partir das 12.00 horas. Xunto co alcalde, José López, será o encargado de realizar a ofrenda floral ao pé do monolito levantado na honra de Marcial Valladares na Alameda. Antes, nese mesmo escenario, a Asociación de Gaitas de Barbude iniciará os actos cunha pequena actuación que continuará trala ofrenda. Logo, a Banda da Estrada ofrecerá o seu Concerto das Letras, que leva por título: Identitario, con música creada por compositores estradenses ou con relación co municipio. Contarán coa colaboración da cantante Marietta.

Os centros escolares do concello tamén puxeron en marcha actividades para conmemorar este día. O CPR de Lourdes deu a coñecer aos rapaces o homenaxeado e a Rondalla do colexio interpretou cancións tradicionais bailadas polo grupo de danza. No CEIP do Foxo desenvolveuse unha actividade interxeracional cun grupo de 14 cantareiros do Regueiriño de Lamas. Cantaron pezas acompañadas con pandeiretas. Amais, no IES Número 1, os alumnos tiveron unha conversa co profesor e escritor David Pérez Iglesias arredor da novela Todo o tempo do mundo, premio Merlín de literatura infantil no 2016.

lalín

Serán das Letras en feminino. En Lalín celebrase o Serán das Letras. Unha cita de música tradicional na carballeira do Rodo que terá un claro protagonismo feminino. Comezará as 11.00 horas cun obradoiro de baile a cargo de Montse Rivera, de Leilía. Ás 13.00 terá lugar o concerto de Uxía Senlle, e ao rematar, entregaráselle a pandeireta de ouro á cantante Ugia Pedreira. Deseguido, celebrarase un xantar comunitario.

Pola tarde seguen os actos cun obradoiro de pandeiro a cargo de Bea de Aldufeiras de Salitre. Ás 18.30 horas, chega a quenda dos grupos tradicionais de Lalín coas actuacións de Ailola, Pandereteiras de Bendoiro, Carballo da Manteiga, Os Trasnos de Doade, A Carballeira de Cercio, Ponte da Prata e Repenicando.

Silleda

Arte urbana e música tradicional. En Silleda, o pasarrúas do Grupo de Gaitas da Escola de Música dará comezo ao festival no que actuará o grupo de acordeóns da EMUSI e o gaiteiro Anxo Lorenzo. Será na Praza Siñor Afranio dende as 12.30. Con motivo deste recital, estarán pechadas ao tráfico de 09.00 a 15.00 as rúas Progreso, a Castrelo e a Antón Alonso Ríos. Tamén haberá xogos tradicionais para os nenos na praza.

Pola tarde, a partires das 19.00 horas, darase a coñecer o novo mural do 85 da rúa Trasdeza. Unha peza artística adicada ao entroido silledense e ao seu Domingo de Baldreus feita por Coas Mans Artesanía e a asociación SIC Iniciativas Culturais.

agolada e Vila de cruces

Entrega do Premio Anisia Miranda de Teatro. A Fundaciñon Xosé Neira Vilas acolle hoxe ás 19.00 a entrega do segundo Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia. O gañador é Ramón D. Veiga pola obra Medo me dá! O acto contará coa actuación do grupo de música tradicional Raiola da asociación cultural Mestre Gacio de Lestedo.

En Agolada, a Banda de Música Municipal ofrece o seu concerto das Letras. É ás 12.30 no auditorio Manuel Costa.