O Corpus Christi e o patrón San Félix tiveron festa en Besexos

daniel gonzález alén VILA DE CRUCES

DEZA

DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

Un castro e varias casas señoriais son testemuña do pasado desta parroquia

06 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a festividade do Corpus Christi caeu este ano no xoves 8 de xuño, na parroquia de Besexos celebrárono nesta primeira semana de agosto, xunto a do patrón San Félix ou Fiz, con dúas xornadas de festa, o luns día e 1 e martes 2, que son días laborables e os grupos musicais teñen a tarifa reducida e mais datas a disposición dos ramistas, que tanto mérito teñen pola organización destes eventos que conxugan o relixioso e o profano e manteñen a tradición e a diversión de veciños e festeiros.

Nas dúas xornadas, houbo misas solemnes enchéndose a igrexa de fieis e as correspondentes procesións, no primeiro día co santo patrón e no segundo coa custodia que contiña a hostia bendicida, levada polo párroco Alejandro Bautista baixo palio o redor do templo, pasando sobre cunha cativa pero artística alfombra floral elaborada polos veciños. Encabezando a procesión ía a fermosa e artística cruz de prata da parroquia. Rematada a liturxia no campo da festa houbo sesión vermú os dous días e verbena o primeiro, cos grupos Eclipse, Manhattan e Reflejos.

A actual igrexa parroquial de Besexos é barroca , da antiga só queda a pía bautismal que é das de inmersión. Nunha única nave ten tres retablos, o principal neoclásico coa Santísima Trinidad tallada na parte superior, está presidido pola imaxe do patrón San Félix e a un e outro lado o Sagrado Corazón e a Virxe do Perpetuo Socorro. Outro retablo mais antigo, barroco está dedicado a Virxe do Carme cunha talla desa época, e outra do San Benito na parte superior onde tamén se ve unha antiga do San Sebastián e unha cabeza que pode ser do Cristo da Santísima Trinidad que falta no retablo principal, e pousadas no altar unha nova da Virxe do Rosario e outra do patrón San Félix, que semella antiga pero pintada con pouco rigor, que é a que é a que sae en procesión.

No outro retablo lateral, o mais novo dos tres que ten a igrexa, está dedicado a Inmaculada Concepción. En tres fornecinas dos muros da nave, poden ollarse vellas imaxes do San Roque, Santo Antonio e San Eleuterio e outra recente do Santo Antonio. Na sancristía gardase outra imaxe antiga da Inmaculada que precisa unha restauración. Onde falta a imaxe e na fornecina da fachada principal da igrexa que debeu ter en tempos, poida que cunha talla en pedra do San Félix. Tamén merece mención o cruceiro procesional con imaxes a pé da estrada que vai de Silleda a Vila de Cruces.

Castro e casas fidalgas

Dos tempos prehistóricos quedou o castro coñecido pola Croa de Caxide, preto do lugar ao que da nome, do que boa parte das súas murallas foron escagalladas en varias épocas, para reaproveitar a pedra en diversas construcións labregas. Parte dunha roda de muíño circular, ollámola nós no xardín do pazo dos Caxide, unha morada fidalga con escudo que pertenceu aos deste apelido, que tiveron o seu solar en Cumeiro pasando a Merza, Sabrexo e aquí en Besexos, ocupando algúns dos seus individuos, importantes cargos civís, militares e eclesiásticos. A morada fidalga que se topa no lugar de Fervenza, foi refeita no século XIX, conservando un antigo escudo de armas no portalón que lle da acceso.

A uns 200 metros do pazo referido, está a casa grande de Fervenza, que pertenceu aos Durán, con grande cheminea barroca coa correspondente lareira, esgrafiados na fachada, e no saìdo, unha ampla hórrea de corredor, un muíño que funciona coa auga dun estanque e un bo pombal, que domina a grande propiedade dedicada agora a pradería, rodeada de carballeiras e soutos, dende a que se ofrece unha ampla panorámica da capital municipal Vila de Cruces. Tamén merece mención a casa de Torres, que foi de labregos e agora está dedicada ao turismo rural, ofrecendo bo acomodo a quen queira gozar destas terras de entre os montes do Camballón e o regato de Orza, que move varios muíños no seu decorrer cara o Deza, por Sabrexo, Fontao e Merza, parroquias nas que tamén hai moito que ver.