«Zobra é un astro que emite unha luz propia, que irradia un fulgor especial»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Rocío Ramos

Araúxo plasma nun libro a alma dunha aldea que soña con non morrer

18 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

"Outro nome da vida Zobra" é o título do derradeiro libro de Emilio Araúxo (Coles, 1946) que acaba de ser publicado e que dedica a parroquia lalinense. Unha aldea que, como comenta o autor, «é un astro que emite unha luz propia e irradia un fulgor especial, como nun cadro de Turner». A portada subliña ese espírito. A ilustra unha foto de Elisa Taboada Cachafeiro cos brazos erguidos nun xesto de baile que quere dicir moito. Araúxo fai fincapé no feito que as sílabas de Zobra ao revés mudan para dicir «brazo». Os brazos son, engade, «un signo de acollida, o signo da bendición nunha aldea que é unha bendición». A señora Elisa, explica, é un reflexo dos veciños da aldea, e transmite unha promesa de porvir, a idea de preguntar, unha invitación a formular preguntas e tamén unha especie de mandato; eu o vexo coa idea de perduración, compre salvar a vida e salvar o tempo», subliña.

Araúxo sentiu fondamente «esa chamada da aldea e das xentes de Zobra» lembrando unha cantiga que reflexa moi ben, o seu parecer, o sentir da aldea. Di así : «Viva Zobra Viva Zobra/ e non ten porque morrer/ viva a xentiña de Zobra/ e quen a a de querer». Unha estrofa na que, sinala Araúxo, «late un desexo fondo de perdurar e toda vida merece un recoñecemento». Desa atracción inicial por Zobra xurdiu un contacto máis estreito que deu no coñecemento máis profundo da aldea. Sostén que «toda aldea ten unha xenialidade que lle é propia», escribir no tempo e consignar esa xenialidade propia da aldea foi un elemento que reforzou esa idea de Araúxo de volcar un libro a alma da aldea e das súas xentes, e todo o que a fai especial.

Nesa cantiga de Zobra, comenta, «sentín que debía cumprir o seu soño de non morrer e o libriño ven ser unha especie de retrato da alma da aldea e estou seguro de que vai acender o candil da esperanza» O libro, engade, é «unha especie de soño que a aldea ten de se mesma. Zobra soña a Zobra e eu non son máis cun humilde xornaleiro dos soños que axuda a facer realidade ese desexo», sentencia Emilio Araúxo. O volume, sinala o autor, «abrangue preto de 40 anos, é unha miguiña de tempo, pero ramifícase en moitas direccións: cara o presente,, o pasado e o futuro». Defende que «un libro chama a outro e o se, quere ser «unha aperta de mans» e que sirva para que «outros continúen con esa labor».

Zobra, di, «ten alí xente nova moi activa» e persoas moi preocupadas por recoller todo o que ten que ver coa cultura popular e transmitilo». Xente coma «Isabel, Xosé, Xoel, Iria e moita máis que recolle o relevo e o testiño», comenta.

Continxencias felices

Para Araúxo é un libro «que é un pouco híbrido, que ten algo de libro de viaxes, de etnografía, e certa dimensión poética, no que se presta atención á vida de cada persoa». De aí que moitos dos que a habitan e habitaron «porque hai moitos que xa están nas estrelas», estean reflectidos nas numerosas imaxes que salpican os textos e que son tamén parte desa radiografía dunha aldea onde habita o espírito da comunidade. Son fotos de persoas, e tamén de animais «como a dun gato espectral que reclama unha atención pensante».

A edición do libro, que sempre é unha tarefa que non é doada, foi, di Araúxo, «una continxencia feliz» e froito dun cúmulo de circunstancias felices que se fixo realidade coa axuda de moitos,. Araúxo agradece a xenerosidade, a dispoñibilidade e o interese da asociación veciñal de montes de man común de Zobra, que se envorcaron en facer realidade este volume, con Agustín Zabaleite a cabeza. Un agradecemento que estende, entre outros a Nico Alvarellos que se encargou da edición e a montaxe do libro que «é unha bendición» e que viu a luz grazas «a unha converxencia de continxencias felices» coa colaboura tamén da comunidade de montes desta parroquia lalinense, o Foro de Cultivos Culturais e Caldo de Cultivo. A ilusión de Emilio Araúxo sería si puidera «agarrar un saco vello de liño e ir dende aquí e repartirlle un libro a cada veciño». O volumen véndese na libraría Alvarellos.

Tras as pegadas dos ilustres membros da Xeración Nós

As cantigas, ese tesouro inmaterial que garda Zobra, recollese de forma profusa no libro que remata cun interesante glosario de termos, moitos deles xa perdidos ou en desuso e que Araúxo rescata para a memoria de todos. Unha curiosa lista por orde alfabético que arrinca con «abellón: ese fai antena» e remata coma palabra zocho que ven a significar «que está baleiro por dentro». Nas cantigas, que son parte importante da alma desta aldea chea de vida e que ten «esa vontade insubmisa de non ceder ao ouvido», hai «elementos de pensamento que son compartidos e poden ser universais».

A malla, as tecedeiras, os contos, as ferramentas do campo, as costumes, os lugares, a natureza... todo ten cabida nesta «Zobra» na que Araúxo ve como un sinónimo da vida.

Dentro desa historia de preto de 40 anos da aldea, Araúxo inclúe o paso por estas terras do Seminario de Estudos Galegos que o autor, afincado en Lalín, reflexa neste volume. Conta que «nunha conversa con Xaquín Lorenzo, este relatoume esas excursións». O grupo, do que formaban parte insignes como Lorenzo, Vicente Risco e aloxábase en Lalín na Casa do Ferrador e dende alí irían a Zobra. Xaquín Lorenzo mostroulle «unha fotografía dunha labrega de Zobra que leva posta unha coroza e ao lado está Vicente Risco con outra coroza posta». A imaxe, feita por Lorenzo, que lle pediu a Risco que para posar quitase os lentes, integrouse no famoso libro Historia de Galicia é reproducida tamén por Araúxo.

O escritor chegou a dar en Zobra con Amparo, afillada de Emilia, que era como se chamaba a muller que sae retratada na foto con Vicente Risco. Emilio Araúxo, ao igual que lle pasou a Xeración Nós, quedou prendado de Zobra e segue as súas pegadas facendo a pé parte do camiño que anos atrás fixeron Xaquín Lorenzo, Risco e Pedrayo, entre outros.

Co gallo da publicación do libro, a comunidade de montes de Zobra organizou un homenaxe ao escritor que terá lugar o día 24, ás 18.00 no teleclube.