Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Couso prepara o regreso do seu tradicional entroido tras anos de parón

David Cofán Mazás
david cofán A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

MIGUEL SOUTO

O Rueiro organiza unha xuntanza para cadrar a posta en marcha de actividades

09 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai xa moito tempo que a parroquia estradense de Couso non celebra os seus entroidos. Coma enclave á beira do río Ulla trátase dunha tradición coidada con agarimo xeración tras xeración que nos últimos anos paralizouse case por completo. Case vai unha década dende a última vez que a parroquia celebrou o seu propio entroido cos seus xenerais, as regueifas, os coros de vellos e de novos, ou as carrozas que aledaban aos veciños, orgullosos do enorme valor patrimonial e cultural que supón esta festa.

Pois este ano Couso decidiu apostar de novo polo entroido. A asociación O Rueiro organizou unha reunión este domingo na Casa Escola para poñer en común a súa recuperación. «Vimos que había gañas de colaborar e volver a facer o entroido. É custoso, pero vendo a boa acollida programamos unha reunión para ver a participación. Xa hai un grupo de persoas dispostas a ir cos xenerais e traballando na posibilidade de ter cabalos e roupa», explican dende o colectivo veciñal.

O obxectivo é recuperar o entroido «como se facía antes» e situar de novo o escenario da festividade nas parroquias estradenses. Aínda que queda moito por organizar, a intención é reactivar os Encontros de Xenerais, así como os coros de vellos e de novos. Do mesmo xeito, planean realizar unha xuntanza con veciños das parroquias do val do Vea e de Reis para realizar os clásicos encontros de vellos que se facían dende o balcón en Souto de Vea.

O despoboamento e o envellecemento dos veciños dificulta a transmisión desta tradición as novas xeracións. Unha situación que non é nova, xa que a principios da década pasada tamén puxeron en marcha a recuperación dos seus entroidos, mantendo a celebración durante seis anos ininterrompidos ata que no 2016 decidiron deixar de facelo.

A Xesteira programa diferentes actividades para este Nadal

Outra asociación que dinamiza a vida na parroquia de Couso é A Xesteira. Este Nadal programaron diferentes actividades que teñen a música como eixo central.

A primeira terá lugar o venres 22 de decembro cuns pinchos para o alumnado da Escola de música tradicional —na que están inscritos 70 rapaces—, onde non faltará a música. Deseguido, o mércores 27 de decembro organizan un obradoiro de danza tradicional cunha temática dedicada as danzas de Reis da provincia de Pontevedra.

Por último, xa no 2024, o mércores 3 de xaneiro celebrarán unha xuntanza con veciños e membros da escola de música na para cantar os Reis na que ofrecerán unha chocolatada para todos os asistentes. Todas as actividades serán na Casa Escola.