A Banda da Loba: «Será un concerto especial. Imos parar de actuar un ano para gravar»
![Montse García Iglesias](https://img.lavdg.com/sc/CoSL4e3EV2hbStnFJeNbkWEKMvg=/75x75/perfiles/112/1623443693081_thumb.jpg)
DEZA
![](https://img.lavdg.com/sc/m7FPY9ncafHU38c0cDLITrW_cS8=/480x/2023/12/27/00121703696822184726839/Foto/DD28C4F1_18546.jpg)
O quinteto feminino despide hoxe o seu disco «Xabón Lagarta»
28 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A Banda da Loba pon hoxe o colofón a case dous anos de xira co seu cuarto disco, «Xabón Lagarta». Pero, ademais, di un ata pronto aos escenarios xa que durante o 2024 Andrea Porto Mato, Estela Rodríguez Carvalho, Inés Mirás Vieites, Marcela Porto Mato e Xiana Lastra mergullaranse en exclusiva no proceso creativo do seu novo traballo. E a isto engádeselle que sobre o escenario do Teatro Principal compostelán estarán acompañadas de convidadas como Guadi Galego, Olaia Maneiro (Tanxugueiras), Mon e Ula (Monoulious DOP), Nastasia Zürcher, María Soa (Fillas de Cassandra, Margarida Mariño e Gustavo Almeida. «Aínda que é algo habitual nas bandas que haxa un parón para dedicarse a crear, o certo é que nós nunca estivemos un ano sen tocar. Por iso queriamos que este concerto fose especial, que houbese tantas colaboracións, que fose na casa... Queremos que sexa un concerto para o recordo ao parar para compoñer e gravar», asegura Andrea Porto.
As entradas para asistir a esta actuación de A Banda da Loba levan días esgotadas. «En Santiago sempre nos sentimos arroupada», apunta Andrea Porto. No concerto, ademais de temas de «Xabón Lagarta», incluirán outros de anteriores traballos. Que balance fan deste cuarto traballo tras case dous anos de xira? «Foi bonito porque os últimos foran un pouco pandémicos, pero «Xabón Lagarta» xa o gozamos podendo facer directos nos que a xente podía saltar, bailar, cantar e moverse libremente. A iso engádeselle que a resposta xeral da xente foi positiva», detalla a integrante da banda. O quinteto quíxose despedir deste «Xabón Lagarta» coa participación de persoas que as acompañaron, de aí que tamén lle pedisen a colaboración a outras artistas. «Responderon todas. Fainos moita ilusión», di Andrea Porto.
Síntense apoiadas
Despois de máis de seis anos de traxectoria, está consolidada a banda? «Xa sabemos que o mundo da música é complicado e efémero, pero sentímonos apoiadas. Estamos moi contentas da xente que nos segue e é o que nos motiva parar seguir facendo novos discos; o que te move é que hai unha resposta. [...] Estamos satisfeitas do conseguido», responde a integrante da banda. E, ségueas acompañando o apelido «de mulleres» ao referirse ao grupo? «Cada vez menos porque nos últimos anos hai moitas mulleres facendo música en Galicia e con moito recoñecemento. Entón, vaise normalizando», apunta.
A idea das integrantes da Banda da Loba é dedicar o vindeiro ano «a facer o novo disco con máis calma» que os anteriores. Nese sentido, Andrea Porto precisa que lle apetecía «ter tempo para gozar dese tempo de compoñer, que a todas nos gusta moito e ultimamente nos parecía que ía todo moi rápido». Agora mesmo xa teñen algunhas cancións feitas do novo traballo discográfico, que darán xa a coñecer o vindeiro ano para despois no 2025 volver a xirar sobre os escenarios de novo.
«Non imos parar de traballar, o que imos é parar de ter concertos porque o que queremos e dedicarnos a gravar e compoñer tranquilamente. Non significa que vaiamos a estar paradas, ao revés, hai moito traballo», afirma categórica Andrea Porto.