Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Xoán Ledo: «O máis importante é que aos rapaces séguelles gustando o balonmán»

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

O gardameta participou nas xornadas de tecnificación do Balónmán Lalín

28 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Na segunda cita das xornadas de tecnificación que organiza o Balonmán Lalín chegou a quenda dos porteiros. Xunto a Tomás Villarroel, o gardameta do Istres, Xoán Ledo (Lalín, 1996), ofreceu aos canteiráns unha clase maxistral para defender con garantías a meta dezá. Un adestramento que realizou coa mesma ilusión que os seus pupilos, encantado de estar de volta no seu fogar, xunto á súa familia e os seus amigos.

«A última vez que estiven en Lalín foi no verán. Cando comezas a temporada non tes nin tempo de botar un ollo para aquí, pero cando vai chegando o Nadal xa entra a morriña», confesa Ledo. Para saciala quedará uns cantos días aquí, xa que os adestramentos aínda comezan o 8 de xaneiro. «Este é o ano no que tiven máis vacacións, non teño o costume de estar tanto tempo», engade.

Cómo foi esta experiencia axudando aos rapaces do Lalín?

Cando me chamou Pablo para propoñermo foi un si directo. A min encántame adestrar cos rapaces, recordo que de novo encantábame cando viñan Alberto Mouriño, David Carbón, Pablo Pedreira, Durán... Encantábame adestrar con eles e entendo que a eles tamén lles gusta facelo con Tomás, comigo e con Iago. É un pracer botar unha man.

Ademais é unha oportunidade para reencontrarvos os que estades fóra.

—Ao final os que estamos fóra sempre nos xuntamos aquí. Somos máis ou menos da mesma xeración, entón os meus amigos de toda a vida son eles. Tamén os que están no primeiro equipo como Pedrito, Román, José Pedreira… O balonmán é o que nos une.

Tiveches algo de tempo de seguir algo ao Balonmán Lalín? Cómo os estás vendo?

Si que boto un ollo, aínda vin os dous últimos partidos contra o Carballal e o Porriño. É un ano difícil e complicado, de moitos cambios. Pero cando se xoga ben ao balonmán os resultados veñen, e en Lalín xógase ben, teñen bos xogadores e están ben adestrados. Hai esa falta de experiencia en determinados postos que nun momento quente do partido pode decantar a balanza nun lado, pero as bases: ter unha boa portería, uns bos centrais e un bo pivote, téñeno de sempre, así que o resto ten que acompañar e por agora o están conseguindo. Creo que están facendo unha temporada bastante boa.

—A tranquilidade é que hai unha base que está tirando a porta abaixo.

Aquí traballase ben, os adestradores están implicados na base. O máis importante é que aos rapaces séguelle gustando o balonmán, seguen metendo horas e veñen con moitísimas gañas e ilusión, que é o máis importante. Se pode saír xente de vez en cando como David (Faílde), que apunta moi alto, mellor que mellor.

—Tes relación con David?

Falamos de cando en vez. Aínda fai pouco enviámonos unhas mensaxes, preguntándolle que pensa deste ano, do ano que ven. Se necesita calquera cousa el sabe perfectamente que estou á súa disposición. O balonmán é un mundo moi pequeno, e sobre todo aquí en Lalín, hai que axudarse uns aos outros.

Para un rapaz novo, que xoga na mesma posición que ti e que está rompendo con todo na base, qué consello lle darías?

(resopla) É difícil e cada caso é máis complicado. Eu cando tiña 17 ou 18 anos pensaba en que o mellor era saír, e igual o mellor era aguantar un ano máis e xogar en Primeira Nacional, pero é complicado. Non sei, hai que pararse, analizar as cousas, saber qué quere estudar, se no equipo ao que quere ir hai adestradores de porteiros ou se o técnico rasca tempo do adestramento en que os porteiros melloren. Hai que analizar moitas cousas, especialmente cando unha persoa é tan nova.

«Non pecho a porta a probar noutros países»

En febreiro do 2022 o porteiro lalinense anunciou a súa saída do Bidasoa de Irún despois de cinco temporadas para cruzar a fronteira e recalar nas filas do Istres galo. Un cambio de aires que lle apetecía a Ledo, ilusionado por probar unha nova experiencia na súa carreira deportiva. «Non me quero retirar sen xogar en ligas coma a xermana ou a francesa», declaraba nunha entrevista a La Voz meses antes de oficializarse a súa fichaxe.

Este é a túa segunda temporada xogando en Francia no Istres. Qué tal te adaptaches?

Estamos bastante ben, nos postos de arriba, persoalmente estou facendo unha moi boa temporada. A verdade é que estou contento, a vida por alí é bastante boa. O idioma ben, que o falo con bastante facilidade e todo moi ben.

—Cómo é o balonmán da liga francesa?

Non sei se dicir un salto de calidade, é un balonmán completamente diferente. A calidade táctica que hai en España non a teñen, pero a potencia física que teñen non a hai aquí. É ir adaptándote aos tempos, tiros, á velocidade do balonmán… Pero é interesante, a verdade é que é moi competitiva. Está moi ben.

Este ano remata o teu contrato de dous anos no Istres. Polo que me contas estás máis que satisfeito, entendo que a túa idea é continuar polo menos na competición francesa.

A miña idea é continuar en Francia, sen embargo penso que no equipo que estou agora non. Non o podo dicir ao 100 %, pero penso que non. Se todo vai normal a verdade é que, persoalmente, gustaríame cambiar. Pero a idea é quedarse en Francia, aínda que non pecho portas, non a volver a España, pero si para probar noutros países.

A vida do xogador de balonmán é curta e a min gústanme as experiencias por Europa. A miña parella tamén ten nos seus traballos e estudos esa flexibilidade para poder viaxar, así que, por qué non?