O alumnado do colexio de Prado investiga o papel esencial das plantas

d. cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

Colocaron as dúas casiñas confeccionadas para que aniñen os paxaros

28 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os escolares do colexio de Prado seguen ampliando os seus coñecementos de medio ambiente coas diferentes actividades programadas este curso no proxecto A defensa das nosas especies: o noso mellor legado a través de Voz Natura, o programa de La Voz de Galicia desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Os estudantes están inmersos nun interesante traballo de investigación sobre diferentes temáticas relacionadas cos seres vivos. Cada curso debe expoñer as súas conclusión sobre mamíferos, aves, réptiles, anfibios, peixes, invertebrados e plantas.

Logo dun pequeno traballo escrito e a súa posterior posta en común cos compañeiros e profesores, elaborarán un mural no corredor da biblioteca con todo o aprendido. Para facelo coincidir cunha efeméride de medio ambiente as exposicións organízanse para o segundo e o terceiro trimestre. Por exemplo, o 2 foi o día mundial dos humedais e o 14 o día da enerxía. Así, nestas datas os alumnos de sexto foron os primeiros en contar todo o que aprender sobre as plantas.

Aproveitando unha tregua do temporal, a posta en común fíxose na aula da natureza do colexio lalinense, habilitada no carballeira do centro. Os escolares falaron do valor das plantas na vida e a súa importancia para o desenvolvemento da vida humana e animal.

Decidiron enfocar a súa presentación nas especies que teñen máis preto, falando das cualidades das árbores e plantas autóctonas que ven a diario na contorna da escola como cerdeiras, pexegueiros, pereiras, maceiras, castiñeiros, toxeiras, buxos... Para concluír, falaron das especies más exóticas como poden ser as carnívoras ou o ginko biloba, unha planta moi resistente que se atopa na carballeira do colexio e que, segundo contaron, é capaz de sobrevivir aos bombardeos atómicos.

Fogar para paxaros e insectos

Outras das actividades relacionadas coa natureza foi a construción e colocación de casetiñas para insectos e paxaros. Con motivo da candeloria, os estudantes colocaron dúas caixiñas para que aniñen os paxaros. Nas vindeiras semanas confeccionarán outros fogares para os insectos da horta escolar, unha delas máis grande usando materiais da natureza como piñas, paus ou canas furadas. Por outro lado, seguen a coidar con esmero das galiñas de raza de Mos que adoptaron na escola: un galo e dúas galiñas.