O grupo Luís Freire visitou o centro ictiolóxico e o Pazo de Oca
16 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Representantes das catro provincias galegas e do norte de Portugal do grupo micolóxico galego Luís Freire constataron esta pasada fin de semana o tímido inicio da tempada silvestre de cogomelos. Malia que houbo un outono e inverno chuviosos que podían facer pensar nunha boa tempada de cogomelos de primavera, as elevadas temperaturas das últimas xornadas non propician a aparición de especies, que queren moita humidade e temperatura suave.
Os investigadores e divulgadores, que visitaron hábitats fluviais do Ulla na Estrada o pasado domingo, recolleron exemplares de distintos xéneros como Amanita, Russula e incluso alguns máis curiosos como Hymenochaete. Este colectivo lembra a necesidade de «formación e precaución» nas saídas ao campo, xa que hai especies comestibles e tóxicas en todas as estacións do ano e non serven a regras populares para a identificación de cogomelos.
Unha das participantes na saída polas beiras do río Ulla foi a presidenta de honra do grupo, a doutora Marisa Castro, membro do comité científico de Voz Natura, que mostraba a súa satisfacción por seguir recorrendo Galicia enteira «recollendo material para identificalo e publicalo, case sempre na nosa revista Mykes para seguir facendo o catálogo galego». Marisa Castro advirte que as elevadas temperaturas provocan que os cogomelos teñan «moita bichería, cogomelos que moitas veces non se poden recoller por estar cheos de larvas». Tamén nota o cambio climático con «aumento e diminución de determinadas especies», coa aparición moito máis numerosa de Amanita caesarea ou especies doutras latitudes, como Amanita ponderosa.
Marisa Castro destaca que o obxectivo non pode ser só «comer cogomelos», as saídas son para estudar e coñecer esta riqueza galega, e recorda que en 1978 se coñecían descritas para Galicia 300 especies e hoxe hai máis de 2.500 catalogadas, grazas ao labor de grupos como o Luís Freire. Destaca a necesidade dunha formación regrada en materia micolóxica en Galicia para divulgar a función ecolóxica dos cogomelos, para despois dar un seguinte paso para o micoturismo: «Nunca debería saír ao campo un grupo de persoas sen que participe un monitor formado».
Outro dos participantes foi Floro Andrés, farmacéutico retirado de Vigo, que forma parte do grupo dende a súa fundación en 1992. Acude á maior parte das actividades para estudar, coñecer e protexer a nosa biodiversidade fúnxica, a natureza en xeral pero ademais ultima a publicación dun libro sobre mixomicetos uns «protozoos pouco coñecidos» caracterizados por formas e cores moi chamativos. O traballo recolle especies de Galicia e norte de Portugal, algunhas non publicadas ata a data, así como novas especies para Galicia e algunha nova especie para a Península ibérica.
Os participantes na saída tiveron ocasión de visitar o Centro Ictiolóxico de Ximonde, con excelentes comentarios e moi grata sensación, e pecharon a sesión coa visita ao Pazo de Oca.