A idea é axudar a recuperar as abellas no entorno natural
11 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Os alumnos de cuarto de Primaria do colexio estradense de Oca inauguraron onte un luxoso hotel para insectos. Trátase dunha das tarefas enmarcadas dentro do proxecto A defensa das nosas especies: o noso mellor legado, a través de Voz Natura, o programa de La Voz de Galicia promovido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Coa fauna e a flora coma protagonistas, os rapaces decidiron poñer en marcha a creación dun lugar onde os bichiños que pululan pola horta fixeran o seu niño nunha especie de apartamento.
Para construír este hotel contaron coa axuda do conserxe, que foi o encargado de construílo. Porén, para facelo realidade tiveron que investigar buscando información axeitada en internet e en libros divulgativos para saber cómo son estes hoteis e a súa función. Á volta do Nadal comezaron una labor na que recompilaron os datos que transmitiron ao construtor para cumprir co obxectivo.
Este, non é nin máis nin menos que preservar as especies de abellas e avespas. Ao decatarse nas súas pesquisas que a polinización estaba en descenso, a súa idea foi darlle o acubillo necesario nun espazo que conta con tubos e bambús nos que aniñar.
Traballo durante todo o curso
Esta foi unha das diferentes actividades que desenvolveron a través do proxecto de Voz Natura, que remata este mes. Con todo, seguirán facendo tarefas polo ben medioambiental, propoñendo retos ao resto do alumnado e tamén ao doutras escolas con programas de radio ou obradoiros de estampación natural.
Ao longo do ano tamén coidaron da súa horta, colectando e degustando os seus froitos como sandías, pementos ou amorodos. Os nenos e nenas regaron, arrincaron malas herbas e plantaron. Ademais, acondicionaron a horta para a nova tempada de plantación, que este ano está relacionada co fío condutor do centro: a volta ao mundo. Terán que facer unha ficha onde apuntar de onde proceden os alimentos e procurando que representen aos diferentes continentes. Neste eido, rematarán coa elaboración dun libro coas familias sobre a fauna e flora da contorna.
Tamén colaboraron na clasificación selectiva do lixo instalando colectores amarelos e azuis. No relacionado co reciclaxe, recibiron un obradoiro sobre os tipos de pilas e as consecuencias para o medio que ten non desfacerse delas do modo axeitado.