Premian ao colexio do Foxo por un pódcast sobre Luísa Villalta

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O CEIP do Foxo foi premiado dentro da sexta edición do concurso de pódcast Radio na Biblio que organiza a Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación. O certame homenaxea cada ano ao autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas, neste caso a Luísa Villalta. O traballo feito polos rapaces de cuarto de Primaria e dirixido pola profesora e responsable da radio Marta Otero García resultou gañador da súa categoría, levando o programa por título: Teoría do xogo.

O centro recibiu o premio dunha aportación económica de 1.250 euros que deberá destinarse a melloras na radio escolar ou actividades relacionadas coa mesma. Do mesmo xeito, os traballos galardoados serán difundidos a través da páxina web da Radio Galega e na plataforma dixital A Galega Audio. A maiores, o alumnado premiado terá a oportunidade de visitar as instalacións da radio pública en Santiago.