O Serán sumará a súa décima edición con sete agrupacións musicais
04 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O verán lalinense ten unha das citas etnográficas máis destacadas de Galicia. Unha festa na que se pon en valor as labores do agro previas á mecanización do campo, onde os traballos facían comunidade. Esa é a Festa da Malla Tradicional, que celebrará o seu 25 aniversario o vindeiro 24 de agosto na aldea de Codeseda, na parroquia de Doade.
Unha cita organizada pola Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón da que xa se coñece a programación. Como é costume, comezará as 11.00 horas coa mostra de artesanía, maquinaria e pintura. Acto seguido será a quenda da malla, o espectáculo que da pulo a esta nomeada Festa de Interese Turístico de Galicia. Unha representación das diferentes labores onde tamén se premia a aqueles participantes coas súas mellores galas de época.
Logo toca recuperar folgos coa charanga Ardores e cun xantar popular con polbeiro. Pola tarde, dende as 16.30 horas celebrarase o Serán da Malla. Esta será a súa décima edición, contando con sete agrupacións de música tradicional: Amigos do acordeón Terras de Celanova, Pandereteiras A Xariza de Parada, Banda de Gaitas e Danza O Irixo, Agrupación O Carballo da Manteiga, Grupo de gaitas Os Dezás de Moneixas, Pandereteiras Ferreñas do Testeiro e o Grupo de gaitas Os Trasnos de Doade.
A guinda será a actuación dos Melidaos ás sete da tarde.