O escritor Abel Tomé recolleu o premio Manuel García Barros de novela no Teatro Principal

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Adrián Freiría

22 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Teatro Principal da Estrada foi o escenario este venres do acto de entrega do premio de novela Manuel García Barros 2024 ao autor Abel Tomé pola súa novela A noite do oso. Unha obra que chega esta semana ás librarías galegas. Ademais, o primeiro capítulo está dispoñible de xeito gratuíto na páxina web da editorial Galaxia.

A novela, ambientada en 1984, técese con fíos de segredos, historias de nazis, mitoloxía, guerras e morte.

O xurado do concurso de novela García Barros estivo integrado polo filólogo e ensaísta Carlos Loureiro —autor, por certo, de Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento— como secretario; Noelia Gómez Calvo, xornalista e poeta; Armando Requeixo, crítico literario; Rosalía Morlán, escritora; e Marcos Calveiro, director de edicións do selo Galaxia.

Cunha dotación económica de 9.000 euros, o premio está organizado polo Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a propia editorial. O concurso —que homenaxea ao mestre, labrego, académico correspondente, galeguista e escritor estradense Manuel García Barros (Berres, 1876 - Callobre, 1972), que utilizaba o pseudónimo literario Ken Keirades para asinar os seus artigos anticaciquís— entende que un dos bens máis prezados de Galicia é a creación literaria, «que redunda nun amplo desenvolvemento da propia identidade» e supón unha achega moi relevante no proceso de normalización lingüística e cultural.