O Grupo Valenciaga, Celso Sanmartín e Cántigas e Frores gañan os premios San Martiño

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

Os galardóns entregaranse nun acto aberto o 14 de novembro

05 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística acaba de fallar os galardóns correspondentes a este ano. Nesta trixésimo cuarta edición, o xurado acordou por unanimidade concederlle o premio á promoción da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes ao grupo empresarial estradense Valenciaga Catering. O recoñecemento á normalización no ámbito galego foi para o contador, escritor e dinamizador lalinense Celso Sanmartín. Por último, o premio a toda unha vida de normalización foi para a asociación cultural Cántigas e Frores de Lugo.

A piques de cumprir década e media no sector da hostalería, a empresa Valenciaga está consolidada como unha das mellores firmas galegas do sector do catering, destacando pola súa mobilidade, a súa cociña tradicional e a boa atención ao cliente. O seu bo facer foi premiado con galardóns coma o Premio Xove Empresario ou os premios Wedding Awards que concede o portal especializado Bodas.net. Tras iniciarse no mundo do catering, o grupo medrou coas firmas AlquiGalicia, A Fonte Valenciaga, Carpas Galicia, Finca Segade e o restaurante O Xantar de Pili. O seu éxito empresarial vai unido a un forte compromiso coa lingua galega, canle habitual na súa operativa comercial e na difusión publicitaria dos servizos que a firma realiza a través da súa páxina web e das redes sociais.

Desde o cerne da aldea

Pola súa parte, Celso Sanmartín, licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago, desenvolveu desde moi novo un intenso traballo asociativo, ademáis de traballar como animador sociocultural con persoas maiores. Como poeta publicou varios libros, como A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez (2018) ou A cousa eterna (2023). Pero é na súa faceta de narrador oral na que percorre Galicia facendo do respecto á tradición e da difusión da cultura popular a súa razón de ser. No ano 2022 recibiu o premio Rebulir da Cultura Galega, significándose coma un dos mellores narradores orais do país.

Por último, Cántigas e Frores leva desempeñando un papel crucial na preservación e promoción da lingua galega e na normalización lingüística ao longo dos máis de 75 anos da súa historia, a través das súas actividades culturais.

Os galardóns serán entregados nun acto aberto ao público que se celebrará no teatro Principal da Estrada o 14 de novembro ás 20.30 horas.