«Somos de tocar nas carballeiras e nas tabernas, aínda que queden poucas»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Mañá Bico da Balouta festexa en Agolada 30 anos de vida e lembranzas

08 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Son 30 anos trouleando e animando con música centos de festas que para algún dos fundadores como Alfonso Sucasas pasaron nun lóstrego. A agrupación de música tradicional Bico da Balouta de Agolada festexa mañá o seu 30 aniversario cun acto que terá lugar no Auditorio Manuel Costa Casares ás 19.30 horas presentado por Clara Rial.

Botando a vista atrás, todo comezou dun xeito máis ben casual. Conta Sucasas que «estabamos organizando a festa de Vilariño Manolo Pumar Coego e máis eu. Estaban tocando os gaiteiros de Dálle co ronco, que eran os de Factor e empezaran a tocar un ano ou dos antes. Fomos falar co director da Banda de Agolada e máis dos gaiteiros, que era José Manuel Collazo, para contratala para as festas e, de paso, como nos gustou o tema, falamos con el para ver si nos daba aos dous unhas clases». Este lles dixo que «era mellor que buscaramos a alguén máis e que fixeramos un grupo aínda que fose pequeno». A idea foi callando e falaron con Manuel Pumar Negro, curmán do outro Pumar, con Javier Sucasas, con Esther Torreira e Román Varela un pouco máis tarde sumóuse Pepe Pardo ao bombo. «En maio empezamos a dar clases de gaita e de percusión e o 15 de agosto xa tocamos nas festas de Vilariño aínda que só sabíamos dúas pezas», comenta.

Agora mesmo andan polos 12-13 compoñentes da agrupación musical e chegan a 20 contando cos de baile. Ao longo destes anos houbo «uns 9 ou 10 que pasaron por alí, algún marchou e houbo quen marchou e volveu». Nestes anos foron mudando moitas cousas, gañaron moita experiencia e percorreron infinidade de sitios, pero o espírito segue a ser o mesmo. «Nós somos de tocar nas carballeiras e nas tabernas, aínda que agora tabernas quedan poucas», apunta Sucasas.

O nome de Bico da Balouta ven «polo monte. Bico da Balouta chámase porque fai a forma do bico dun porco, pero alí tamén se xunta o río este que vai do Castelo, que é as abellas, e como se bican os dous ríos, nós sempre dicimos que é porque se bican dous ríos no fondo do val».

Foi empezar a tocar e non parar. No ano 1996 foron a Alcobendas, a Irlanda viaxaron no 2004, e a Bretaña no 2006, a Asturias, ao País Vasco, a Italia... sempre de intercambio. Con alguns grupos teñen lazos que fan que xa sexan máis que familia. No acto de mañá estarán antigos profesores, membros do grupo e proxectaráse un traballo audiovisual con entrevistas e intervencións de compoñentes dos grupos cos que teñen relación como o de Bretaña. Falarase da historia, das vivencias e lembranzas destes 30 anos, e tocarán catro pezas.

Agora seguen a actuar en festas, pero tamén son contratados «para tocar en vodas e outros eventos». Tras tantos anos animando festas, Sucasas lembra con especial agarimo unha en Greixido, en Quiroga, «onde vivían dous veciños aínda que para a festa ía máis xente. Armamos unha festa tremenda, bailaron os vellos, bailamos nos, bailamos todos e acabamos ceando nas casas, foi moi bonito». Conta que «os que empezamos eramos veciños e amigos». Os ensaio tras 30 anos non decaen e mantéñense todas as semanas.