O artista ourensán Acisclo Manzano é o autor do cartel da Feira do Cocido
16 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Acisclo Manzano, (Ourense, 1949),o nome vénlle de familia por parte dun par de antergos e o Manzano «de Valladolid». Onte en Lalín co gallo da presentación do cartel da Feira do Cocido do 2025 do que é autor, contaba que acisclos se chamaban a se mesmos os escultores do Renacemento. A verba significa pequeno martelo en latín e de aí que sexan acislos os escultores. O artista ourensán recoñece que o seu nome, nada común, lle veu o pelo e aínda que esta non era a profesión ca que soñaba nun primeiro momento, foi a que lle deu todo.
Explica que «a quen sempre teño que darlle as gracias é a escultura. Eu cando empecei aos doce anos eu quería ser poeta, quería estudar, pero por cuestións familiares non puiden. Tiven que traballar e dediqueime á escultura». «A escultura non me deixou estudar outras cousas, eu quería ser médico, avogado ou o que fora, e sobre todo, poeta», engade. É, confesa, «un poeta que nunca escribín por iso din que son un escultor-poeta, que a escultura miña é como poesía, que en dous trazos cóntase unha gran historia e na escultura cunha forma eu conto unha historia».
La escultura, comenta, «atrapoume, secuestroume e gracias a ela teño Bacharelato de Honra sen haber estudado, son académico de Belas Artes, e teño diversos premios nacionais. Estou en quince museos; teño o Premio Otero Pedrayo, a Medalla de Ouro da provincia de Ourense... estou cheo de títulos e de premios e pezas miñas están en igrexas e en catedrais, a derradeira na catedral de Santiago e agora estou cun Cristo moi grande para a fachada dunha igrexa que ata que estea posto non o digo, é un Cristo milagreiro», asegura.
Son moitas tamén as súas pezas relixiosas. No Corpiño, apunta, «teño alí tres Cristos meus, máis o Corpiño, e todo gracias á escultura». O seu maior desexo é «que en cada casa e na habitación de cada casa haxa unha escultura miña, que as disfrute todo o mundo. Os cartos, a min con que me chegue para pagar a Fenosa xa me vale», afirma.
Esa sería a súa maneira, di, de plasmar o seu agradecemento. O que quere facer «é con madeiras talladas unha exposición que aínda non sei en que lugar sería se aquí ou alá que se titulará Tocar e levar. Ti chegas, gústache a peza, a tocas e a levas. Non importa o tamaño, aínda que sexa de dous metros, e ese é o meu agasallo para que a escultura estea en casas, estea coa xente que é para que o que estamos os escultores porque hai esculturas que están atrapadas nun lugar como as que están no Pórtico da Gloria e non poden sair».
Do tamaño dunha noz
O seu desexo é tamén que «se me recorde no seu día por unha soa peza. Todos estes anos desde os 12 que se podo resumilo todo nunha peza do tamaño dunha noz, se me recorde a min» comenta. Ao preguntarlle de todo ese traballo a cal delas lle ten máis agarimo resposta sen dubidalo que «sempre é a última».
Onte, en Lalín, presentou o orixinal do seu debuxo dun porco que será o cartel do Cocido nun acto no que estiveron o alcalde, José Crespo, e a tenente alcalde, Paz Pérez Asorey.
Acisclo Manzano presumiu de moita relación con Lalín apuntando que «gustaríame vivir aquí pero ao menos estou moi preto, en Cea». A Lalín ven a miúdo e xa o facía anos atrás para falar con Laxeiro, con Colmeiro, con Lareo ou con Pestana, outro asiduo da vila.
Dende fai moitos anos Lalín conta con unha das súas pezas: a Musa do Deza que loce nunha das rotondas da entrada. A derradeira é unha Peregrina de Deza que dentro de nada vaise a ir para a Deputación de Pontevedra para lucila alí algún tempo, despois de que, apuntaba Crespo fose solicitada dende o organismo provincial. Non foi a única petición parece ser porque «Santalices a quería tamén para o Parlamento», comentou o rexedor.
Un museo de orixinais na Casa de Álvaro e unha «Peregrina» que mudará en ferro ou bronce
O alcalde de Lalín, José Crespo, lembrou onte a Acisclo Manzano que o orixinal do seu cartel ten xa un lugar no futuro Museo do Cocido que albergará na Casa de Álvaro cuxa rehabilitación está levando a cabo a Xunta de Galicia. As obras están mudando a fachada que recupera a pedra vista. As contas son que poda estar lista a reforma o ano que ven ou «para o seguinte Cocido cando menos». Dun xeito ou outro, este céntrico espazo no centro da vila albergará a futura oficina de Turismo e tamén un pequeno museo no que estarán colgados todos los carteis da Feira do Cocido que no 2025 fai 57 anos.
Crespo puxo en valor os grandes nomes de artistas autores de carteis durante todos estes anos. Unha nómina da que forman parte desde Laxeiro a Paco Pestana ou Manuel Paz, entre outros moitos pintores e escultores. O autor do de este ano foi Fernando Pereira. Un elenco que, dixo Crespo, «danos un pulo importante» alegando que ningunha feira nin festa gastronómica pode presumir de semellante nómina. O alcalde expresou o seu agradecemento a Acisclo Manzano pola súa colaboración e as súas contribucións. A derradeira delas a donación da escultura da Peregrina de Deza que ubicada no vestíbulo do Concello e que o goberno local quere «cando se poda» facela en ferro ou en bronce. O seu autor explicou que podía ser de calquera dos dous materiais pero incluso decántabase máis polo ferro porque lle daría, dixo, ao oxidarse en contacto co ar esa cor marrón que xa ten, mentres que en bronce «quedaría de cor verde». Dun xeito ou outro, Acisclo Manzano, falou a Crespo da Fundición Rey, de Vilagarcía, que fai este tipo de traballos, a que o Concello de Lalín irá pedindo presuposto. A mesma firma, que dixo Manzano, fixo o porco da Colón.