A asociación cultural Vagalumes presentou a sétima edición da Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca Caldas. Nesta edición participarán nove centros estradenses de primaria e secundaria nunha dobre sesión no Teatro Principal que terá lugar os días 26 e 27 de novembro as 18.30 horas.
O martes será a quenda de cinco grupos. O CEIP do Foxo representará Xoana, a sombra bulebule; o colexio de Figueroa, Bailamos?; o Villar Paramá, Fermosa; o CEIP de Oca interpretará O Mago de Oca; e o IES Avelina Valladares, O tesouro do Castro.
Por outra banda, o mércores participarán os catro centros restantes. O colexio Cabada Vázquez levará á escena a obra Porque o valgho eu!; o CEIP Pérez Viondi, A bolboreta Arlequina; o IES Antón Losada interpretará A vida é un cásting; e finalmente o instituto Manuel García Barros, Wombo Combo.
Dende Vagalumes convidan á veciñanza a asistir a estas xornadas de dinamización cultural e pedagóxica na honra do mestre Olimpio Arca. A entrada é libre e de balde.