Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Maestría busca recoñecer as mellores creacións en artes aplicadas e deseño»

Javier Benito
javier benito A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

XOAN A. SOLER

En terras belgas presenta unha obra que naceu na residencia do Gaiás

08 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha peza deseñada pola artesá da Estrada, Edita Rodríguez Oca, foi seleccionada para participar estes días no Premio Europeo de Artes Aplicadas, bautizado Maestría, que se celebra en Mons, en Bélxica. Unha obra que naceu durante a súa residencia artística no Gaiás o pasado ano e que supón un avance máis na súa investigación na técnica do coiro fervido. Edita Rodríguez chegou ao mundo da artesanía tras vivilo no seu entorno familiar, xa que o seu pai foi luthier e torneiro da escola de Berres. O seu irmán e a súa nai teñen, como ela, marcas propias de marroquinería. Con longa traxectoria xa neste mundo, a creadora estradense fundou no 2010 a firma Jatafarta. Con ela e desde o seu taller en Santiago saen pezas moi atractivas no seu deseño e calidade, desde pulseiras a bolsos e outros obxectos tanto prácticos como decorativos.

Como xorde a súa participación na relevante exposición Maestría en terras belgas?

O Premio Europeo de Artes Aplicadas, que este ano leva o título Maestría, ten como obxectivo recoñecer as mellores creacións de expresión contemporánea en artes aplicadas e deseño artesanal. Estou a participar nesta exposición, que se celebra en Mons, Bélxica, xunto con medio centenar de artistas provenientes de 16 países europeos. A peza coa que contribúo é SVA/100º, que desenvolvín o ano pasado durante a miña residencia artística no Gaiás, bautizada como REGA.

Que peza representa a Jatafarta neste Premio Europeo de Artes Aplicadas? Ten unha utilidade práctica ou é tan só decorativa?

—A miña obra é o resultado dunha investigación sobre unha antiga técnica de endurecemento do coiro, que implica procesos de calor e humidade. SVA/100ª é un deseño modular cunha estrutura ríxida e versátil, o que lle outorga múltiples aplicacións potenciais, desde mobiliario e decoración ata escenografía. Con todo, para este evento decidín presentala como unha escultura, destacando o seu valor artístico e conceptual por encima dos seus posibles usos funcionais. Desta maneira, destaca a súa capacidade para explorar as fronteiras entre o deseño utilitario e a arte contemporánea.

Participou na residencia do Gaiás no 2023. Que lembra da experiencia e como afectou no seu traballo?

No Gaiás tiven a oportunidade de profundar e consolidar unha liña de investigación que xa levaba anos desenvolvendo. Grazas a esta residencia, logrei materializar unha etapa importante coa creación de SVA/100ª, o que marcou un punto de partida para futuros desenvolvementos. Actualmente, estou a traballar en dous proxectos significativos baseados en estruturas similares; un deles é unha colaboración con outra artesá. Espero poder compartir pronto os resultados destes traballos.

«Non adoito participar en moitas feiras pero si este Nadal»

Edita Rodríguez afirma que «non adoito participar en moitas feiras pero este ano, coincidindo coa tempada de Nadal, estarei presente en varios eventos». Durante esta ponte festiva participa na primeira edición de Saber e Sabor, organizada pola Fundación Pública de Artesanía de Galicia en Ribadavia. Un mercado que busca revitalizar a zona vella desta localidade ourensá, reabrindo locais pechados con postos como o a da artesá da Estrada e tamén promovendo obradoiros. Hoxe será o último día de apertura deste proxecto piloto, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00.

«A próxima fin de semana estarei en Santiago, no Mercado da Estrela, un evento xa consolidado na cidade. Por outra banda, o 21 e 22 de decembro trasladareime ata A Coruña para estar en Da Névoa Experience, unha proposta nova cunha selección moi exclusiva de artesáns, talleres e degustacións», comenta. O calendario feiral a curto prazo para Edita Rodríguez o pecha a bautizada como Feira das Formas, «un evento moi especial e ilusionante que estamos a organizar entre un grupo de amigas e compañeiras artesás, ilustradoras e artistas, que se celebrará en Santiago de Compostela o 4 de xaneiro».

A creadora da Estrada foi candidata no 2021 ao premio Artesanía de Galicia cun bolso urbano, ideado para integrar varias funcións nun espazo pequeno. Tamén foi seleccionada no XIV Certame de Artesanía Antón Fraguas, na lámpada bautizada Embude. Xunto cuns brazaletes foron das primeiras pezas onde empregou a técnica do coiro fervido, coa que deu un paso adiante tras a súa estadía no Gaiás.

Peza para portar botellas dunha edición especial do viño Marqués de Murrieta do 2020

Entre as pezas innovadoras que saíron nestes últimos tempos das mans de Edita Rodríguez destaca unha colaboración coa bodega Marques de Murrieta, a primeira de Rioxa ao ser fundada no ano 1852. A artesá da Estrada deseñou e fabricou una estrutura de coiro para portar botellas do viño do 2020, en concreto para protexer a edición especial do formato magnum.

«Marqués de Murrieta ten unha iniciativa que resalta a tradición artesanal a través de colaboracións con artesáns. No meu caso, a conexión xurdiu grazas a un proxecto anterior no que traballei con Sonia De Gerónimo, elaborando pezas para unha embalaxe deseñada para a mesma bodega. Tras coñecer o meu traballo, propuxéronme desenvolver unha embalaxe para unha edición limitada do 2020, realizado en coiro curtido con taninos obtidos dos seus propios viñedos», explica Edita. Subliña que «a idea inicial partía do concepto dun arnés que debía cumprir con dous obxectivos principais: ser o suficientemente resistente como para soster botellas de certo peso e tamaño, e ao mesmo tempo, manter unha estética elegante que estivese en sintonía coa imaxe da bodega».

 

Comenta que «o deseño estruturouse en tres eixos verticais que emerxen desde a base e tres horizontais, coa liña inferior máis ancha para reforzar visualmente a sensación de solidez. Isto crea un efecto que concentra o peso visual na base da botella, transmitindo robustez e equilibrio». Engade que «un elemento distintivo deste deseño é a súa construción sen costuras visibles e que incorpora unha solución innovadora para os cruces das tiras: unha peza central que actúa como unha engrenaxe, asegurando as tiras con precisión e proporcionando estabilidade».

«Por último, os tres eixos permiten integrar a etiqueta da botella de maneira orgánica dentro da embalaxe, converténdoa nun elemento que complementa e realza o deseño no seu conxunto», aclara a artesá estradense.