Unha exposición fotográfica para lembrar a forza das mulleres de Arca

David Cofán Mazás
David cofán A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

300 instantáneas compoñen esta escolma que se poderá visitar o día 18

10 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Mulleres Rurais de Arca presenta o vindeiro mércores 18 de decembro unha exposición fotográfica que busca homenaxear ás súas veciñas ao longo do tempo e o seu papel primordial no desenvolvemento económico e social na vida desta parroquia estradense. Baixo o título de Gardando a memoria, esta escolma fotográfica conta con 300 instantáneas antigas cedidas polos veciños. Un intenso traballo de recompilación que comezou no verán e que verá a luz na Casa Escola de Arca nun acto con música, poesía e que será presentado pola actriz estradense Chelo do Rejo.

A nova directiva do colectivo veciñal leva traballando nesta exposición dende o verán, cando comezaron a recoller as fotografías. «Esta é a nosa primeira actividade e queríamos que fose algo que permanecese no tempo», explica a súa presidenta, Ana Rodríguez, que recoñece estar gratamente sorprendida pola implicación dos veciños da parroquia na iniciativa. «Foi moi agradable, estamos moi satisfeitos coa súa resposta», engadiu.

«A idea é facerlle unha especie de homenaxe ás mulleres de Arca, reflectir a súa forza e o seu estilo de vida», sinala. A colección de imaxes abrangue dende os anos trinta do século pasado. Fotos de todo tipo, dende mulleres coas labores do agro, representacións teatrais ou fotos de familia. Todo vale para este traballo documental no que ademais da sororidade, tamén permite facer comunidade. «Hai instantáneas moi bonitas de mulleres coas vacas, nas fincas, a carón do palleiro... Outras son lúdicas, relixiosas e mesmo temos unha de cando se celebrou Miss Arca en 1933», comenta Ana.

A vida na parroquia

Un dos aspectos máis salientables da exposición é que oferta unha ollada nostálxica coa que lembrar cómo eran os seus fogares hai anos ou que tipo de roupas levaban. Tamén para comprobar o xeito no que se relacionaban os veciños, esa unión que está a desaparecer, onde as familias se xuntaban para traballar e para festexar, nun sentimento de comunidade que pouco a pouco vai esmorecendo.

Co fin de favorecer a comprensión da escolma, as fotografías identifícanse en primeiro termo polos lugares nos que se tomaron e en segundo pola casa da que proceden. «Estamos moi agradecidas á xente, fixémolo todo moi artesá pero cun cariño e respecto enorme», afirma a presidenta do colectivo.

A inauguración, que será a partires das 17.30 horas, promete ser unha gran festa á que están invitados todos os veciños da parroquia, pero tamén doutras que estean interesados nesta fermosa iniciativa posta en marcha pola nova directiva, a cal busca dar un novo pulo á asociación e á vida veciñal. Xunto a Ana, confórmana María del Carmen Rodríguez (vicepresidenta), Elisa Iglesias (tesoureira), Mar Souto (secretaría), Emilia Monteagudo (vogal) e Nerea Prado (vogal).