Alauda Negra regresa ás súas orixes

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

A editorial de Xosé Lois Gutiérrez cumpre cinco anos e acaba de publicar o libro «MAN.», valorando seguir a súa andaina só coa colección «Papeis»

12 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Visibilizar proxectos fotográficos de autor, co papel como soporte e co valor engadido de textos cargados en moitos casos de poesía, en formatos innovadores. A inquietude por experimentar no campo da imaxe de Xosé Lois Gutiérrez Faílde (Lalín, 1976) o levou a plasmar eses traballos fai cinco anos mediante a súa propia editorial, Alauda Negra. O docente, afincado na localidade lucense de Sarria, daba despois o salto á publicación de libros coa fotografía tamén como protagonista. O último traballo, MAN., acaba de saír á luz e pode ser o derradeiro, xa que valora, un lustro despois e tras tres fotolibros, centrar os seus esforzos na colección primixenia que bautizou como Papeis e na que tamén acaba de nacer OU24112, de Amador Lorenzo.

Alauda Negra, como remarca o propio Xosé Lois Gutiérrez, é un proxecto editorial autoxestionado que creou no 2019 e dirixe desde entón. Un laboratorio baseado na experimentación visual e en tratar de redefinir do concepto tradicional de publicación asociada á arte contemporánea. Como aconteceu coa primeira proposta da súa autoría, pretenden visibilizar creacións que, pola súa escala ou intención, teñen como soporte ideal a edición en papel a modo de fotozine ou fotolibro. Todo elo centrado preferentemente en autores que producen en ou desde Galicia. Un soño persoal, unha editora independente, para facer visibles proxectos fotográfico de autores que traballan con narrativas arredor do noso territorio, promovendo tamén novos espazos de normalización para a edición artística galega contemporánea.

O Alemán de Camelle

A derradeira publicación de Alauda Negra recolle o traballo do colectivo Cadela Negra, integrado por Lois Cid e Toni Cortés.

MAN.

foi a obra gañadora do terceiro Premio Editorial de Fotografía Documental Galega organizado por FFoco Festival da Fotografía da Coruña no 2023, que patrocina a publicación. Un premio que naceu co obxectivo de fomentar a creación e produción de fotolibros a través de editoras vinculadas á imaxe, con traballos xa no mercado como

Orixe ou cando a marea baixa

, de Ana Paes, ou

Entre las aguas

, de Ana Núñez. No 2024 gañou nesta convocatoria o traballo

Entidade Singular. Singular Entity

, do ourensá Iván Nespereira, que editará Dispara, do estradense Tono Arias.

 

 

 

 

Como destaca Gutiérrez Faílde, MAN. «é, máis que nada, un libro de iniciación sobre a figura de Manfred Gnädinger; pódese concibir coma un tributo mesto e vibrante da pegada deste creador total na mirada e no corpo do colectivo Cadela Negra», que integran Lois Cid e Antonio Cortés. Durante dous anos ambos autores viaxaron con frecuencia a Camelle, na Costa da Morte, coa tentativa de compoñer o rastro visual do Alemán de Camelle. O fixeron cando cumpríanse vinte anos da súa morte. Fotografaban os seus cadernos, as rochas pintadas, os trazos do seu camiñar, o xardín do peirao e o mar.

 

As imaxes do libro, incide o editor de Alauda Negra, «compoñen un friso arredor da experiencia co territorio e coa propia memoria da figura de Man. Ben como fórmulas de invocación, relatos elexíacos ou probas forenses arredor da vida e da obra daquel artista inefable, este libro convócanos no seu misterio e no magnético relato da súa conformación como un mito segredo da cultura artística galega». Un libro do que hai 250 exemplares no mercado, nun formato moi atractivo, con imaxes tanto en cor como en branco e negro.

 

Novos traballos

A roda segue a xirar para Xosé Lois e Alauda Negra, centrada no medio fotográfico experimental e na colección

Papeis

. Avanza que prepara novas incorporacións ao catálogo con traballos de Elisa Pereira, Misha Bies Golas & Cristina Fiaño, Joan Morera, Pablo Barreiro o Javier Pérez de Lis.

 

«OU24112», unha poética proposta de Amador Lorenzo

Amador Lorenzo Blach (Bueu, 1976) firma OU24112, á derradeira incorporación á colección Papeis. Xa son doce propostas experimentais da editora que precisamente arrancaron con Ein Stück, con autoría do propio Xosé Lois Gutiérrez e nunha homenaxe á caída do muro de Berlín. No seu traballo, Lorenzo Blach afirma plasmar a súa particular «declaración de amor á cidade de Ourense». Os números do título reflicten a data en que coñeceu á súa parella e onde comezou a súa relación con As Burgas.

 

 

 

As catorce imaxes en branco e negro que conforman esta interesante proposta visual foron tomadas en formato analóxico, «dentro dunha práctica do fotográfico que ten na experiencia e na dimensión persoal da propia percepción do fotógrafo dous principios básicos de acción», como remarca Gutiérrez Faílde. Apunta que Amador Lorenzo concibe o acto fotográfico «como un acontecemento ao que hai que acudir ao seu encontro». Unha busca tanto no biográfico como no estilístico no real, imaxes do exterior, do entorno natural, que se tornan relato interior e contemplación.

A publicación inclúe un texto de Alexandra Pacheco, quen afonda na proposta do fotógrafo, «nesa sorte de fuxida confírmase unha idea universal e eterna: calquera pode precisar dun refuxio lonxe da furia e do ruído». Do novo fillo de Papeis saíron 199 exemplares, todos eles refinados a man e asinados e numerados por Amador Lorenzo. O fotógrafo pontevedrés ven de publicar recentemente, coa editora galega Fabulatorio, dous libros arredor da serra ourensá, Nacenza e Curro de Mosenda.

 

 

 

O primeiro, Nacenza, é o resultado editorial dun proxecto documental que iniciou en 2014, co obxectivo de retratar a vida e os habitantes do Macizo Central de Queixa-Manzaneda acompañando a un veterinario rural no seu día a día. Mentres, Curro de Mosenda complementa esa mesma historia, e como destaca a propia editorial, «é un conto, hai un comezo e un remate definidos, pero o que acontece entre eses dous intres pode durar, tamén, toda unha vida».