A renovada asociación O Cruceiro traballa na recuperación do entroido tradicional de Couso
DEZA
É a única parroquia estradense que celebrará o seu carnaval
15 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O entroido á beira do Ulla é unha das grandes manifestacións culturais e patrimoniais das que presume Galicia. Na Estrada non é unha celebración máis, contando con varias parroquias que manteñen viva esta tradición con moito esforzo a causa da despoboación e o envellecemento. Un dos entroidos máis famosos do concello é o celebrado en Couso, que tradicionalmente organizou a asociación O Cruceiro. Logo de varios anos sen encargarse del, un grupo de seis persoas tomou as rendas do colectivo para poñer en marcha este ano o entroido tradicional da parroquia.
«Xuntámonos unha serie de persoas para collelo nós e facelo como se fixo sempre. Así podemos seguir avanzando para que non morra», explica Alejandro Pequeño, novo presidente da asociación O Cruceiro. Ademais del, está composto por Manuel Quintela (vicepresidente), Teresa Gómez (tesoureira), Rosa Mejuto (secretaria), Adrián Quintela (vogal) e Javier Magariños (vogal).
Alejandro explica que o carnaval de Couso retomouse tras un tempo de parón, pero «non houbo nin xenerais nin nada». O ano pasado un grupo de veciños e a asociación O Rueiro organizaron un entroido máis semellante ao de toda a vida. A ilusión por esta festa e a vontade da nova directiva do Cruceiro están animando aos veciños a participar do entroido. O presidente da asociación conta que nos días de festa participarán sobre 150 ou 200 persoas. «Estamos facendo reunións para os coros os sábados ás oito da tarde, o pasado foi a primeira e non contabamos con ter tanta xente, viñeron arredor de 40 ou 50 persoas», explica Alejandro Pequeño, quen convida aos veciños doutras parroquias «a que se veñan divertir con nós».
«Polo que se ve hai gañas de entroido, para nós ben porque é un traballo grande. Estamos preparando un local para ter alí os traxes, facer as reunións... É un ano complicado porque estamos empezando todo de cero, pero estamos unidos e traballando pola parroquia e o entroido», asegura.
Domingo 2 de marzo
Deste xeito, o entroido de Couso será o domingo 2 de marzo, subindo o martes 4 á Estrada cos Xenerais. No primeiro día o percorrido entroideiro pola parroquia comezará ás dez no campo da festa, contando con varios puntos con mesas para que os participantes poidan comer e beber, a parte do que lles dean polas casas.
Ás 16.30 horas, aproximadamente, estarán en Souto de Vea, onde farán o encontro dos minixenerais, rapaces de ata dez anos que continúan coa tradición dos Xenerais do Ulla. A festa rematará coa chegada ao campo da festa en torno ás 19.00 horas para que canten por última vez os coros e facer o atranque dos Xenerais.
«O martes subimos á Estrada e faremos o percorrido dos Xenerais cos coros e as carrozas», conclúe Alejandro Pequeño, non sen antes lembrar que Couso será a única parroquia estradense en facer este ano o seu propio entroido.