O portavoz do PSOE estradense, Luís López Bueno, saíu onte ao paso das declaración do concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, sobre a saúde comercial da Estrada.
López Bueno reiterou que «os datos son os que son por moito que lle pese a Durán» e explicou que entre 2012 e 2024 perdéronse 166 comercios e locais de hostalaría na Estrada. «O PIB caeu nun 3,3% entre 2018 e 2020. Hai 1.518 veciños e veciñas menos dende 2012 a 2024. Estas son as realidades incontestables das que Durán non ten nin idea, por iso fai declaracións propias dun libro de autoaxuda para convencerse de que o fai xenial», di o líder do PSOE.
Segundo López Bueno, «é normal que os problemas da Estrada lle soen a chinés a unha persoa qeu herdou un negocio xa montado e agora vive estupendamente poñendo cristais nos edificios públicos como o novo xulgado. A el os problemas que enfrontan o comercio e a industria da Estrada non lle afectan en absoluto».
O líder socialista considera «totalmente normal que Durán estea rabioso ao verse no espello (politicamente falando), xa que a súa xestión é un desastre». Valorou as súas declaracións do mércores como «un bo pregón para as festas». «Pero non deu nin un só dato obxectivo porque non ten con que defenderse da realidade que el mesmo xerou», criticou. «Eu penso que en política hai que usar argumentos serios; non é bo comportarse como un neno de dez anos», rematou.