Lalín gozou cuns Mestre Mateo históricos

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

Máis de 1.500 de persoas viviron no Arena unha entrega de premios inesquecible

16 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Lalín vestiu este sábado as súas mellores galas. A ocasión o merecida, nin máis nin menos que a entrega dos Premios Mestre Mateo celebrábase na casa, atraendo ás estrelas do audiovisual galego ata o corazón de Deza. O Arena, escenario da cerimonia, tiña un aspecto sensacional, e a poucas horas de que comezase a acción, foi collendo unha cor especial.

Pero antes da gala, pola mañá, houbo uns cantos lalinenses e veciños da bisbarra que se achegaron ao recinto para conseguir unha das 150 entradas que a Academia Galega do Audiovisual puxo a disposición do público xeral por sorpresa para completar o aforo do recinto. Con isto, en total entregaron 550 billetes para ter asento nun acontecemento para o recordo, xa que foi a primeira vez que esta festa do noso audiovisual celebrase lonxe das sete cidades.

O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, salientou instantes antes da gala o magnífico ambiente que se estivo a vivir na capital dezá durante toda a semana e, especialmente, o día da cerimonia, cunha asistencia récord de 1.500 persoas. Para poñelo en contexto, trátase dos segundos Mestre Mateo mais multitudinarios dos seus 23 anos de historia.

Unha oportunidade única para dar a coñecer o potencial da comarca e do municipio. De feito, a gastronomía lalinense, como non podía ser doutro xeito, foi protagonista tamén da entrega de premios, cun picoteo variado no que Embutidos Lalinense aportou cacheira e orella. Normal que durante a cea para os asistentes, moitos deles estiveran lambendo os dedos. Estas delicias quilómetro cero animaron un ambiente dun Arena acendido coa presenza do máis destacado do audiovisual galego.

«Volcadísimo», así definiu o presidente da Academia o apoio de Lalín e os lalinenses a esta cita. «Foi o tema de conversación durante toda a semana», declarou Pérez Becerra, quen acto seguido agradeceu a inmensa colaboración do Concello para que estes Mestre Mateo saíran á perfección dende o rural galego.

Expectación

A Lalín acudiron figuras non só do mundo do cine e da televisión, senón tamén uns cantos políticos, como a vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, os conselleiros da Xunta José López e Román Rodríguez, ou o presidente da Deputación, Luis López . A cerimonia, como soe ser habitual, tivo un grande pulo reivindicativo, cun berro unánime do mundo do audiovisual contra o proxecto de Altri en Palas de Rei. O anuncio o venres da aprobación da declaración de impacto ambiental, sen dúbida animou a crítica contra esta fábrica.

Moitos dos asistentes levaron adhesivos e chapas, algunhas repartidas no exterior do pavillón ,para amosar o seu descontento.