Lucía García: «Hai máis homes nos camións, pero tenche que gustar o que fas e punto»
DEZA

Con máis de 30 anos e dúas carreiras rematadas, esta muller de Rodeiro deulle un xiro á súa meta profesional
22 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O transporte de leite na casa de Lucía García Varela (Río, Rodeiro) é unha práctica laboral que vén de vello. A súa avoa xa o recollía para uns bidóns, que ían ao lombo dunha mula, polas aldeas de Camba e con destino á fábrica de leite que había naquel entón en Chantada. O pai de Lucía leva máis de 40 anos metido no oficio, o seu irmán fai o propio e ela leva seis anos seguindo a tradición familiar, aínda que «nunca pensei dedicarme a isto», di sorrindo.
—Cal era entón a súa meta profesional nun principio?
—Non tiña ningunha definida, pero ser transportista dende logo que non o pensaba. Fixen unha diplomatura en Turismo, tres anos en A Coruña, e ao rematar como o de marchar para fóra -que era onde había traballo- non me tiraba especialmente xa que vivía a miña avoa, entón cursei o grao de Administración e Dirección de Empresas en Santiago. Mentres estaba estudando meu pai decidiu constituír unha sociedade na que entramos os catro membros da unidade familiar, e eu empecei a levar a contabilidade da empresa: Trans Bicheiro Río, S.L.
—Xestouse aí subir ao camión?
—Non (ri). Rematei a carreira, e despois foi cando me prantexei a posibilidade de facelo, pero o primeiro era contar cos permisos necesarios e saquei o de camión e o de tráiler. Téñoos todos (ri), menos o de bus e moto, e eses non me chaman nadiña!
—Rochas no camiño, ou foi doado?
—Foi fácil. Fixen todo seguido. Saquei os permisos, presenteime ao exame do CAP, e xustiño unha semana despois pechouse e comezou o confinamento. Tiven que esperar uns dous meses para recibir a documentación, pero no mes de xuño do ano 2020 xa puiden conducir o camión.
—Lémbrase ben da data.
—Claro, é importante. Nunca pensei que sería transportista. Nada me facía presaxiar que me dedicaría profesionalmente a isto, e mira... Non tiña esta vocación, para nada, pero con 32 anos cando tomas unha decisión desta índole xa es adulta, e polo tanto o fas con peso.
—Aínda que agora as mulleres están en todo tipo de postos de responsabilidade e profesións, o de ser transportista ou camioneira dalgún xeito pode sorprender. No seu caso, como lle resultou?
—Mira, é certo que hai máis homes nos camións que mulleres, pero tenche que gustar o que fas e punto, independentemente que sexas home ou muller. Se traballas en algo que non che agrada ten que ser un suplicio. No meu caso podo dicirche que nunca tiven ningún problema. Cos compañeiros da fábrica, moi ben. Incluso penso que polo feito de ser muller aínda te coidan moito máis (ri). Claro que cando chegaba a algunha granxa a recoller o leite, ao principio, algún se sorprendía pero como ao comezo ía co meu pai... Son pequena de estatura (ri) e cando algún me vía baixar do camión a sorpresa era máis ou menos maiúscula (ri), pero axiña se acostumaron, pero rexeitamento nunca o notei por parte de ninguén.
—Experimentou algunhas primeiras dificultades ao volante?
—Si (ri). Levo camión e remolque, que ten a súa lonxitude claro; non sei cantos metros son pero uns cantos, entón coller certos puntos ao comezo non foi doado (sorri). Tes que abrir máis nas curvas, estar pendente da parte traseira e tes máis puntos mortos de visibilidade. Por iso meu pai me acompañou un par de meses, e despois xa fun eu soa.
—Comezou a voar en solitario.
—Iso é. Levo uns seis anos, e son feliz no meu traballo. Fago as miñas rutas, que varían dependendo dos días de recollida de leite, manteño contacto cos gandeiros e decátome que acertei na decisión que tomei.
«Nunha viaxe de camión e remolque transporto uns 24.000 litros de leite aproximadamente»
As rutas de recollida de leite de Lucía García Varela non son sempre as mesmas, pero teñen un denominador común: os tempo de cargas, e o destino final do produto que acaba nas instalacións da empresa Larsa en Outeiro de Rei (Lugo). «Todos os días, e independentemente da ruta que faga, son algo máis de tres horas entre a recollida do leite e descargar. As paradas tamén varían en función das granxas ás que teño que ir. Nalgunha ruta teño 15 gandeiros para recollerlles leite, e noutras un total de 18. Nunha xornada, nunha viaxe de camión e remolque levo uns 24.000 litros de leite aproximadamente», comenta Lucía García.
A transportista de Río, acostumada a percorrer centos de quilómetros todos os días, bota en falta uns viais en mellores condicións e a limpeza dos mesmos en moitos accesos a granxas, «en máis dunha ocasión hai ramas que pegan nos espellos do camión e son os propios gandeiros os que se encargan de cortalas para que poida acceder ás explotacións sen problema».
Ningún atranco lle supuxo, polo menos ata o momento, o uso do GPS. «Cando teño que ir facer unha nova recollida, normalmente xa pasaron con anterioridade pola mesma os inspectores, e non hai problema para chegar á granxa. Non quedei atascada nestes anos, e espero que me acompañe a sorte».
Un oficio, o de transportista, que non sabe de días de descanso, pero que malia a todo Lucía non pensa cambiar por outro. «Tes que amoldarte aos horarios dos gandeiros, esperar a que teñan todo muxido para recoller o leite, e hai que facelo tanto en domingos como en festivos pero estou contenta co que fago e na miña intención está continuar. Teño que facelo! Acabo de mercar un camión novo!», apunta cun sorriso.