Os premios Rebumbio recoñecen ao estradense Rubén Rosende como Xove Promesa en Comunicación
DEZA

O mozo é o impulsor da publicación electrónica Xornal da Estrada
25 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os premios Rebumbio, primeiro certame da comunicación dixital local, distinguirán este sábado ao estradense Rubén Rosende como Xove Promesa de Comunicación. O galardón, outorgado directamente pola firma impulsora do evento, Actual Comunicación, busca premiar a aqueles mozos que destacasen no ámbito da comunicación, xa sexa pola súa creatividade, innovación, impacto ou talento en proxectos locais. O premio trata de recoñecer a quen está comezando a marcar a diferenza no mundo da comunicación e representa o futuro do sector. No caso de Xornal da Estrada, este distintivo valora o compromiso, constancia e orixinalidade do premiado no seu impulso e mantemento dun novo medio de comunicación local e na difusión da actualidade estradense en medios dixitais. O galardón será entregado este sábado, día 29, na sala Mome da Estrada a partir das 13.30 horas.
Por outra parte, o xurado profesional seleccionou xa os tres finalistas de cada unha das categorías dos premios Rebumbio. Na categoría Mellor uso do galego en redes sociais os finalistas son Rafa Carbia Pescados e Mariscos, A Banda da Loba e Casal de Creación. En Mellor uso do humor como recurso comunicativo, Iris Gestoso, @unvalonocastroloureiro e Flavia A Horta da Casa. No apartado de Mellor iniciativa en redes sociais están @sinfancialactante, A Estrada Dixital e Pastelería Mimela. En Mellor difusión da vida estradense están nominados As Nosas Músicas, Pablo García e Rosa de Cabanas e, en Mellor difusión de negocio local en redes sociais, Pintaletras, Mi vestidor azul e Argentinos Burguer. Os premiados daranse a coñecer tamén este sábado no Mome.
A entrega de trofeos será trala xornada Transformación da Comunicación e Redes Sociais, organizada por Actual Comunicación con motivo do seu décimo aniversario e que se celebrará no Mome de 9.30 a 13.30. Profesionais da comunicación abordarán cuestións como a evolución da comunicación, o impacto das redes sociais ou o emprendemento.