Un espectáculo con 50 artistas rescatará a Avelina Valladares «do seu inxusto anonimato»

DEZA

Poderá verse no Principal o sábado 5 e o domingo 6 de abril
27 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A poeta estradense Avelina Valladares dálle nome a un instituto local e a un premio literario. Sen embargo, para a maioría dos galegos, segue a ser unha perfecta descoñecida. Para facer xustiza e rescatar o seu nome do seu inxusto anonimato o Concello da Estrada estreará a próxima fin de semana un espectáculo de grande formato que poñerá a mais de medio cento de artistas sobre o escenario.
Afondando na exitosa fórmula coa que se lle rendeu tributo escénico ao doutor Manuel Reimóndez Portela coa peza Un médico na aldea, a Escola Municipal de Artes Escénicas (Emae) e a agrupación folclórica Tequexetéldere volverán colaborar nun proxecto multidisciplinar que xorde a partir da obra dramatúrxica Os seráns de Vilancosta, do autor de teatro Santiago Cortegoso.
O dramaturgo —colaborador habitual en proxectos teatrais da Estrada— empapouse dos textos de Avelina Valladares o pasado verán para cumprir co especial encargo do Concello: unha obra teatral sobre a autora para inaugurar o Ano Cultural que se lle dedica. «Sacar unha obra de aí non foi fácil», asegura o autor. «Avelina Valladares é unha persoa envolta no misterio. Non hai imaxes súas e non está claro por que fixo algunhas cousas que fixo ou por que deixou de facer outras, como publicar a súa obra ou casar, que sería o esperable para unha muller naquela época», explica Cortegoso.
«A peza mantén ese halo de misterio. Dúas rapazas contemporáneas, que son trasunto de min como autor, queren preparar unha obra sobre Avelina e van elucubrando sobre o que fixo ou o que non fixo e por que», avanza Cortegoso. «Ao final queda esa dúbida, ese misterio», conta feliz de colaborar de novo «cun espectáculo comunitario de grupos amadores sobre personaxes históricos, algo que me parece fundamental».
A obra será levada á escena por mais de medio cento de actores, bailaríns e músicos dirixidos polo propio Santiago Cortegoso.
«Esta montaxe non só homenaxea a Avelina Valladares, referente feminino do Rexurdimento, senón que reivindica o seu legado social e literario, sacándoa de detrás da sombra do seu irmán Marcial», explica o xerente da Emae, Xosé Lueiro. «Avelina Valladares é a muller sen rostro porque non hai unha soa foto súa. Aquí poñémosllo. Por primeira vez os estradenses van ter a oportunidade de vela encarnada sobre o escenario», comenta.
A actriz Chus Picallo será a encargada de lle dar vida a Avelina Valladares sobre as táboas nun espectáculo no que a ilustradora Rosa de Cabanas resucitará coas súas imaxes á familia Valladares. Do vestiario encargarase Bety Busto, especialista na moda do século XIX.
A música —elemento omnipresente na casa dos Valladares de Vilancosta (Berres)— ofrecerá dúas vertentes. Tequexetéldere encargarase da música tradicional, ao tempo que aportará tamén un corpo de bailaríns para lle poñer dinamismo á peza. Da música culta encargarase Pablo Bernárdez, autor do libro A música dos Valladares.
O espectáculo estrearase no teatro Principal da Estrada o sábado 5 de abril ás 20.00 horas. Haberá un segundo pase o domingo 6 ás 19.00 horas. As entradas (3 euros) pódense retirar desde hoxe no departamento de Cultura do Concello.