A Estrada festexa a Semana das Artes Galegas cun programa multicultural

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

R. G.

Incluirá conferencias, concertos e exposicións en homenaxe a Díaz Pardo

28 mar 2025 . Actualizado a las 12:34 h.

A Casa da Música da Estrada abrirá as súas portas a todos os estradenses a vindeira semana para ofrecer un completo programa multicultural organizado polo Conservatorio Profesional de Música con motivo da celebración do Día das Artes Galegas, que este ano se lle dedica ao pintor, ceramista, deseñador, escritor e editor galeguista Isaac Díaz Pardo. Con este pretexto, o Conservatorio converterase durante toda a semana en escaparate cultural, ofrecendo do luns ao mércores unha serie de charlas, concertos e exposicións que culminarán o xoves 3 cun concerto-exposición na Casa das Letras.

O programa completo da denominada Semana das Artes Galegas, que chega á súa terceira edición, foi presentado este xoves polo director do Conservatorio, Javier Comesaña; o xefe de estudos, Iván Novo; a concelleira de Educación, Amalia Goldar; o doutor en Historia da Arte Xosé María Lema, a saxofonista Claudia Carballo e o pintor Toño Valle.

A primeira proposta chegará o luns ás 19.00 horas, no salón de actos da Casa da Música. O doutor en Historia da Arte Xosé María Lema Suárez afondará nun aspecto de Isacc Díaz Pardo pouco coñecido ata o momento: a súa relación coa música. Segundo avanza Lema Suárez, non foi doado atopar a relación de Díaz Pardo coa música. Pero haina. Na súa etapa de pintor, de 1939 a 1948, asinou dous cadros de temática musical: Concerto e Concerto de zanfona. A zanfona era daquela un instrumento desprestixiado que Díaz Pardo contribuíu a revalorizar. Tempo despois, cando fundou Cerámica do Castro e Sargadelos, axudou a facer patria coa cerámica e incluíu nas coleccións figuras de músicos, pandereteiras, gaiteiros ou de personaxes como Martín Códax. Foi autor ademais dunha serie de carteis de cego que se levaban polas feiras como apoio para as historias cantadas e acompañadas por música. 

Lema Suárez tocará tamén a relación coa Estrada de Isaac Díaz Pardo, que en 1968 acodeu a visitar a Virxinia Pereira (a muller de Castelao) á súa volta do exilio e que recibiu o Premio San Martiño de Normalización Lingüística.

O martes 1 de abril a programación continuará cun concerto da saxofonista silledense Claudia Carballo, que foi alumna do Conservatorio estradense e agora está a rematar a carreira superior en San Sebastián. Interpretará música alemá e francesa, sonatas e fantasías que irá comentando ao público, a partires das 19.00 horas no salón de actos da Casa da Música. Unha das pezas está arranxada polo silledense Lois Alén. Segundo avanza a intérprete, falará tamén da permeabilidade do saxo, da súa versatilidade e das posibilidades técnicas e tímbricas que o están a facer del un instrumento emerxente.

O mércores 2 de abril (19.00 horas, salón de actos da Casa da Música) inaugurarase unha exposición de carteis de cego creados por Isaac Díaz Pardo organizada polo alumnado da materia de Música Tradicional Galega, do sexto curso do grao Profesional do Conservatorio. A mostra complementarase coa interpretación por parte dos estudantes locais dunha peza escrita por Ramiro Cartelle e arranxada por Javier Comesaña.

A Semana das Artes culminará o xoves 3 cun concerto-exposición ás 19.00 horas, esta vez na Casa das Letras. Diferentes formacións de alumnos do Conservatorio interpretarán composicións orixinais e arranxos de inspiración galega arroupados pola obra do artista Toño Valle, que no seu día tamén foi alumno do Conservatorio da Estrada e que amosará unha serie de lenzos de recunchos estradenses, coma o palco da música da alameda. Esta mostra inaugurarse xa mañá sábado e poderá visitarse ata o venres da semana que vén, día 4 de abril, no horario da biblioteca.