A Banda da Loba, Pablo García, A Estrada Dixital, Flavia e Argentinos gañan os I Premios Rebumbio
DEZA

Rubén Rosende foi distinguido como Xove promesa en Comunicación
30 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A sala Mome da Estrada acolleu este sábado a cerimonia de entrega da primeira edición dos Premios Rebumbio, convocados pola firma de márketing dixital e xestión de redes sociales Actual Comunicación con motivo do seu décimo aniversario. Os premios, que nacen con vocación de continuidade, organízanse en cinco categorías. Na de Mellor uso do galego en redes sociais impúxose A Banda da Loba, quedando coma finalistas Rafa Carbia Pescados e Mariscos e Casal de Creación. No apartado de Mellor difusión da vida estradense o premio foi para o locutor radiofónico, presentador e artista Pablo García, Chichas. Os outros finalistas foron As Nosas Músicas de Couso e Rosa de Cabanas. Na categoría Mellor iniciativa local en redes sociais impúxose A Estrada Dixital e resultaron finalistas Pastelería Mimela e @sinfancialactante.
No apartado de Mellor difusión de negocio local en redes sociais gañou Argentinos Burguer e quedaron como finalistas Pintaletras e Mi vestidor azul.
Por último, na categoría de Mellor uso do humor como recurso comunicativo impúxose Flavia A Horta da Casa e resultaron finalistas Iris Gestoso e @unvalonocastroloureiro.
O xurado profesional estivo composto polos estradenses Laura Alonso —xefa de planificación de medios dixitais e offline de Avante Evolución de Medios—, Fran Brea —redactor de La Voz de Galicia no Barbanza— e Kike Vázquez, técnico de Cultura do Concello da Estrada.
Os I Premios Rebumbio distinguiron tamén ao estradense Rubén Rosende (Xornal da Estrada) como Xove Promesa en Comunicación.
O fallo e a entrega de premios estivo precedido pola xornada divulgativa Transformación da Comunicación e Redes Sociais, na que unha vintena de relatores debateron sobre Evolución da comunicación e influxo das redes sociais nos últimos anos, Emprendemento feminino no eido local, Como a pandemia visualizou a necesidade de crear comunicación en redes e O futuro da comunicación dixital.
Actual Comunicación expresou a súa intención de «que este certame sexa un evento tan vivo como o é a comunicación».