Lola Fernández: «Somos as primeiras en baixar do bus e sempre as últimas en subir»
DEZA

Aplaude os cinturóns obrigatorios no transporte, mellorando a seguridade dos escolares
12 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Condutores de autobuses escolares e acompañantes, escolares e profesorado tómanse uns días de vacacións de Semana Santa. Unha breve paréntese antes de enfilar a recta final dun curso académico que contou con centos de alumnos transportados, dende as paradas das súas parroquias ata os colexios e institutos de referencia. Lola Fernández Meijomence é unha veterana no eido do acompañamento escolar. Comezou un par de anos despois de que se instaurara esta figura nos autobuses escolares. Lembra que foi en setembro, no inicio do curso académico 2007/2008.
—Pasaron dezaoito anos dende que comezou como acompañante escolar.
—A figura de acompañante escolar entrou en funcionamento no ano 2005. Eu empecei facendo unha substitución, como sucede en moitos postos de traballo, e xa pasaron 18 anos efectivamente. Primeiro estiven contratada por Adecco, e dende o ano 2019 por Rías Baixas. E aínda que te chamasen para unha substitución era necesario ter todos os cursos ao día, tanto de prevención como de primeiros auxilios, e que renovamos na actualidade de xeito anual.
—Os condutores eran, ata que xurdiu a figura de acompañante, os que se ocupaban dos escolares.
—O condutor facía o que podía. Certo tamén que antes os nenos empezan o colexio con seis anos, pero cando xa entraron con tres a cousa cambiou. Eran moi pequeniños é aí foi cando os pais reivindicaron este figura, que penso que é esencial na atención nos autobuses aos escolares, sobre todo entre os máis cativos. As acompañantes escolares somos as primeiras en baixar e as últimas en subir.
—Tocoulle vivir a posta en marcha do uso obrigatorio do cinturón de seguridade nos autobuses.
—Si. Foi un acerto. En todos os anos que levo como acompañantes nunca tivemos un accidente, pero os nenos viaxan moito máis seguros, e nós imos máis tranquilos. Sempre vas preocupada xa que os pequenos son absolutamente imprevisibles. Non sabes o que van facer. Levas un ollo posto en cada un deles, pero aínda así... O noso traballo é de moita responsabilidade, máis do que pensa a xente. Se pasase algo nin che conto... se non ocorre nada, somos xeniais. Dende que se soben os nenos nas paradas e ata que os deixamos no colexio ou no instituto vou con certa tensión, e así dende o primeiro curso académico.
—Producíronse moitos cambios nas paradas escolares ao longo destes anos?
—Os cambios foron importantes. Antes facíamos un colexio, e se non tiñamos nenos nunha determinada parada xa se daba a volta. Actualmente vas ás paradas asignadas aínda que non teñamos cativos para recoller, xa que é preciso facer a ruta completa, pero perdeuse a parada de Vilar (Soutolongo), Doade e Sampaio ao non contar neste curso con nenos en idade escolar. Logo o número de cativos tamén experimentou un cambio moi significativo. Os centros educativos da periferia, caso de Vilatuxe, Prado ou Cercio, están agora mesmo con máis alumnos grazas os transportados dende o casco urbano de Lalín.
—Como é unha xornada normal de acompañante escolar?
—Pois comezamos recollendo aos rapaces de Zobra ás 7.40 horas e rematamos ás 9.25 no colexio de Vilatuxe. Facemos dúas rutas: unha para levar aos nenos ao Vicente Arias da Maza, e outra para os institutos Laxeiro e Aller Ulloa.Imos a Moa, Lodeirón, Castro de Arriba, Carracedo e Soutolongo de Abaixo para finalizar nos institutos, e a segunda con saída dos Olmos, Botos, Carracedo, Lodeiro, Soutolongo, Vistalegre, Xar e colexio de Vilatuxe.
«Coñezo pais, avós, padriños, número de fillos en cada casa e o contacto telefónico de case todos eles»
Lola comenta que é feliz no seu traballo, do que disfruta plenamente, aínda que recoñece que «fisicamente isto non cansa pero mentalmente non é sempre fácil. Hai días que semella que se aliñan todos... Os días de bo tempo os rapaces están máis alterados, aínda que en termos xerais pórtanse ben», comenta cun sorriso. Non agocha que se é preciso poñer unha cara seria non o dubida, «pero nunca o sangue chega ao río, e os rapaces sempre se comportan axeitadamente».
A pandemia é a época que Lola lembra aínda hoxe con máis preocupación e tristeza. «Foi horrible, pero tamén aprendemos moito. Non había abrazos. Só era desinfectalos, separalos, comunicación cero... Foi horrible para todos, e a raíz diso asignei asento a cada rapaz dende principio de curso. A verdade é que xera unha maior disciplina, eles o entenderon perfectamente e funciona moi ben. Cada un sabe onde ten que sentarse dende principio e ata final de curso».
Presume Lola de non ter esquecido a ningún escolar transportado en estes dezaoito anos, e de axudar a subir ao bus «a cativiños de 3 aniños ata que chegan ao instituto. Algúns empezaron comigo o colexio e acabaron aquí contigo, antes de marchar para a universidade». Dende logo que se alguén conta cun listín telefónico amplo e coñecemento das familias da contorna da área parroquial de Vilatuxe esa é Lola Fernández. «Coñezo pais, avós, padriños, número de fillos que hai en cada casa e os números de teléfonos de mamás, papás, avós ou das persoas que están autorizadas a recoller os rapaces. Teño uns cantos números, si», explica sorrindo.
Unha figura necesaria, a das acompañantes escolares, que supuxo para os pais unha «tranquilidade ao saber que coidamos dos rapaces o mellor que podemos».