«As discrepancias entre compañías teatrais deben discutirse en común»

óscar manzano A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Carbajal ?dereita?, tras recibir Escena Galega o premio en Ribadavia, xunto con Xesús Ron e Belén Pichel.
Carbajal ?dereita?, tras recibir Escena Galega o premio en Ribadavia, xunto con Xesús Ron e Belén Pichel.

O actor estradense, Xoque Carbajal, suliña que «o público ten dereito a ter teatro en galego»

22 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoque Carbajal (A Estrada, 1964) consólidase como un dos maiores referentes locais no eido audiovisual: dúas veces nominado ao premio Goya de fotografía publicitaria, o estradense combina ese traballo co labor teatral, fundando en 2005 a compañía de teatro Malasombra. Así mesmo, Carbajal é vogal da asociación galega de empresas de artes escénicas Escena Galega, que ven de recibir na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia o premio de honra Roberto Vidal Bolaño.

-Por que cre que a MIT Ribadavia lle concedeu este premio a Escena Galega?

-Creo que o principal motivo é o traballo que se realizou desde a asociación en prol da escena galega, moitas veces sen facer moito ruido pero dialogando coa administración para asentar e apoiar o teatro en galego.

-Cal é o principal obxectivo de Escena Galega?

-O obxectivo primordial de Escena Galega é a profesionalización do sector teatral, e loitar pola súa consolidación. As axudas non son importantes polas asociacións ou polos actores, senón polo público, xa que ten dereito a ter teatro en galego.

-Que se conseguiu desde a asociación?

-Neste mes xa se conseguiron varias cousas: mantívose unha reunión coa Axencia Galega de Industrias Culturais e estase a negociar un convenio; remodelouse a web de Escena Galega; e o máis importante, duplicouse o número de compañías teatrais que forman parte da asociación.

-É este un exemplo de que «a unión fai a forza»?

-Non cabe dúbida. Sempre é un bo momento para a unión, xa que, se existen discrepancias entre varias compañías, máis motivo hai para debatilo en conxunto.

-Grazas a asociacións como Escena Galega, cre que se está a consolidar o panorama teatral galego e en galego?

-Por suposto. E todo isto é un traballo que levan realizando as compañias desde hai trinta anos. Pouco a pouco, pedriña a pedriña fóronse asentando as bases para conseguir un sector teatral forte, e non só no eido escénico, senón tamén no circense ou no baile.

-Como está a valorar o público o traballo de Escena Galega?

-O público depende de moitos factores, non só das asociacións, senón de máis cousas. Por exemplo, hai concellos coma Betanzos ou Redondela onde hai sempre moito público, e outros onde non. Temos que estar pendentes de realizar proxectos atractivos para os espectadores, pero a acción principal para fomentar o teatro debe saír da Administración. Nós xa estamos facendo un esforzo para chegar ao público, pero aínda temos que dar o paso e poñer solucións, ou mellor dito, axudar a solucionar a falta de promoción teatral.

-Cales son os próximos proxectos de Xoque Carbajal?

-Polo de agora atópome na rodaxe dunha longametraxe, e a partir do 28 de xullo volverei á xira de D.E.P., que xa leva cincuenta funcións, e algunha que outra representación de Go on, unha montaxe que xa vai polas cen funcións.

xoque carbajal actor e vogal da asociación escena galega