A toponimia estúdase con sentido común

A ESTRADA

O da Limia é un exemplo de topónimo que suscita controversias sobre a súa orixe
O da Limia é un exemplo de topónimo que suscita controversias sobre a súa orixe Santi M. Amil

Rendemos unha sinxela homenaxe ao filólogo recentemente falecido Manuel Vidán

16 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Andaba eu matinando estes días que xa levo algúns anos iniciando o curso desta sección sobre cousas da lingua e da literatura co tema da toponimia, xeralmente aproveitando as viaxes estivais pola península ibérica, e se iso non podería fartar ao lector, pero é que estiven medio verán cun pensamento que non dei tirado da cabeza: «Se tomas a toponimia a broma, non tomas en serio o país». Estas palabras son un titular aparecido en La Voz o derradeiro día de xullo deste ano, aínda que recollen unha entrevista do 2006, reeditada desta volta co gallo da morte de Manual Vidán Torreira (Santiago, 1924).

Foi o filólogo Vidán catedrático de Latín e participou na tradución ao galego da Biblia, amais de ser o primeiro tradutor de Platón á nosa lingua. Segundo o obituario publicado en La Voz, tamén escribiu numerosos artigos académicos en variados ámbitos e colaborou neste periódico de xeito habitual a través das seccións Da nosa fala e Verbalia. E destacou como estudoso da etimoloxía (a orixe das palabras), especialmente no campo da toponimia.

Xunto coa breve biografía publicada á súa morte, o xornal reproduce a devandita entrevista co experto etimólogo. Vidán defende nela a necesidade de revisar a cantidade de interpretacións sobre os significados dos topónimos feitas á lixeira, debido en parte a que non se ten en conta a evolución fonética sufrida por estes vocábulos e noutra parte a que non se acode ás fontes, ou estas non se entenden rectamente. Remataba a entrevista con outros temas, como a necesidade de pórse de acordo no significado das palabras para discutir con sentido e poder chegar a algún lugar común, que para iso serven as controversias. E na necesidade que sentía por comprender o sentido das palabras situaba o filólogo a súa paixón pola etimoloxía e a toponimia.

A LÓXICA DOS TOPÓNIMOS

Precisar o significado das palabras, e neste caso facer xustiza aos topónimos, é un xeito de entender a realidade inmediata, ou sexa, quen somos, e dános datos de cómo a viran os nosos antecesores. Ás veces é cousa doada, coma no caso dalgúns nomes de lugar procedentes de antropónimos (nomes de persoa), por exemplo, o tan de actualidade As Pontes de García Rodríguez. Ou no dalgúns relacionados con oficios, coma Oleiros, e outras actividades humanas, coma Ourense. E non digamos xa os que se tiran de construcións do home, como A Estrada ou A Ponte do Porto. Penso que en ningún destes casos o lector necesitará que lle aclaren por que estes lugares se chaman así, salvo talvez algunha precisión histórica.

E é que, como di Álvaro Galmes de Fuentes nun artigo sobre toponimia asturiana de implacable sentido común, o falante, que é quen pon nome aos lugares, «lo mismo que llama al pan pan y al vino vino, al monte lo llama monte y a la peña peña». Non o esquezamos e vexamos un exemplo de como nacen os topónimos que vivín o outro domingo. Anunciaba o cura na misa a morte dun veciño que se ía enterrar ese día e, para explicarlles aos fregueses quen viña sendo, dixo que era o que vivía «en Molduras, detrás de Molduras». Os acenos da parroquia deberon de dicirlle que abondaba con ese dato, porque xa non precisou máis. Se buscades Molduras en Cambre, non atoparedes parroquia ningunha nin aldea nin lugar con ese nome, pero si unha empresa da Barcala chamada Molduras do Noroeste. Velaí o novo topónimo (non sabemos por canto tempo) relacionado coa actividade humana.

Outras veces a orixe do topónimo non é tan clara. Hoxe non se estuda latín na escola: unha mágoa, porque permitiría comprender facilmente moitas etimoloxías, como a de Pontecaldelas (‘ponte de augas cálidas’) ou a de Cedeira (de cetus: ‘balea’), por non falar da de Fisterra (de finis Terrae: ‘fin da Terra’). Pero outros teñen unha orixe aínda máis antiga, en termos que os especialistas chaman, por exemplo, celtas, protolatinos ou prerromanos e dos que non queda testemuño ningún, polo que deben ser reconstruídos ou deducidos con diversas ferramentas e coñecementos tanto lingüísticos como antropolóxicos, arqueolóxicos, históricos, etcétera.

O meirande problema destes topónimos é que a miúdo sufriron evolucións fonéticas e, sobre todo, confusións semánticas introducidas polos falantes, que os fixeron opacos. E eses resultan máis discutidos. Á Limia, por exemplo, se buscas en Internet, atoparás que lle atribúen orixe celta, latina e mesmo mozárabe. Con cal explicación quedas nestes casos? Pois ten en conta o devandito sentido común do falante e outra máxima interesante para írmonos metendo neste mundo da toponimia que tiramos de Galmés de Fuentes tamén: mentres as características físicas do terreo e a flora poden servir para dar nome aos lugares, a fauna non, porque as primeiras non andan mudando de lugar, pero os animais, uns pasan (os lobos e as aguias) e outros están en todas partes (moscas e formigas).

 Actividades

  • Podes ler a noticia da morte de Vidán e dous artigos seus na edición dixital de La Voz: https://cutt.ly/neiZDOm
  • Se queres ler a noticia que saíu no diario de papel, tes que entrar como subscriptor na seguinte páxina: https://cutt.ly/NeiZG8F
  • Intenta, con axuda de Internet, explicar o significado, bastante evidente, destes topónimos citados no texto: As Pontes de García Rodríguez, Oleiros, Ourense, A Estrada, A Ponte do Porto.
  • Busca tres explicacións distintas á etimoloxía de A Limia. Con cal quedas?