Xosé Eixo: «Cando cheguei á Estrada o 90% do alumnado falaba galego e agora fala castelán a maioría»

r. g. A ESTRADA

A ESTRADA

cedida

O profesor de Matemáticas do IES Antón Losada xubílase despois de case corenta anos de docencia

07 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Eixo é un dos profesores de referencia do IES Antón Losada Diéguez da Estrada. Alí chegou no ano 84 nada máis aprobar as oposicións e desde que volveu no 89 seguiu impartindo clases de Matemáticas ata que o pasado agosto se xubilou. Hoxe, os seus compañeiros fanlle un xantar de despedida.

—Nunca quixo cambiar de destino?

—Vivo en Santiago pero quería dar clase nunha zona do entorno máis rural. A Estrada sempre me gustou; pola xente, o tipo de ambiente, o tipo de alumnado e a relación co profesorado. Estiven moi feliz e non tiven ningún interese en coñecer outra cousa.

—Que cambios ve entre os alumnos dos 90 e os de agora?

—Sempre se di que se agora o alumnado é máis problemático ou estuda menos... Eu penso que sempre houbo de todo e segue habendo de todo. Pode ser que antes a relación cos alumnos fose máis próxima pero iso tamén pode ser porque antes a miña diferenza de idade cos alumnos era menor. No que si noto un cambio é no idioma. Cando cheguei ao Losada hai case 40 anos o 90 % do alumnado era galegofalante. A día de hoxe, en primeiro da ESO pode haber entre un 60 e un 80 % de castelán falantes. É algo que cambiou radicalmente nos últimos seis anos.

—Cales son os mellores e os peores recordos?

—Teño moi bos recordos cos compañeiros. Cando empecei eramos 26 profesores e case todos estables. Agora debe haber setenta e trinta van cambiando e iso dificulta facer amizades. Os peores recordos son os falecementos de tres compañeiros estando no IES: Ánxeles Arias, Gándara e Marga Lesta.

—Que consello lles deixa aos estudantes?

—Que vaian ao IES con alegría. O seu futuro depende grandemente do que fagan nesta época. Que traballen un pouco todos os días. Sempre lles poño o exemplo dun atleta. Non podes gañar unha proba pasando un mes sen adestrar e adestrando 12 horas antes. E que se respecten. Se se basean no respecto e traballan chegarán lonxe.

—E vostede que vai facer agora?

—Sigo co teatro, co que empecei no grupo do Antón Losada, e metinme en clases de portugués. Non quero que me falen español cando vou alá. Tamén sigo colaborando co Proxecto Descartes, preparando materiais de uso libre. E teño que pasear coa cadela.